Denuncian que máis de 11.000 crianzas galegas carecen de pediatra asignado

Bonecos ás portas dun ambulatorio durante unha concentración convocada para denunciar a falta de pediatras na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Pontevedra é a cidade onde máis descubertas están as prazas de Pediatría con seis, seguida de Vigo, con catro. En Lugo e Ourense son dous, respectivamente, as vacantes e en Ferrol e Santiago hai unha en cada urbe.

Mais de 11.000 nenos carecen de pediatra asignado debido a que "case 18% das prazas" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están vacantes ou son cubertas por médicos de familia puericultores, segundo denunciou o sindicato médico O'Mega.

Nun comunicado publicado esta terza feira, O'Mega afirmou que das 343 prazas de pediatra que existen nos centros de saúde galegos un total de 16 están vacantes (4,6%) e 45 ocúpanas médicos de familia puericultores.

Pontevedra é a cidade onde máis descubertas están estas prazas con seis, seguida de Vigo, con catro. En Lugo e Ourense son dous, respectivamente, as vacantes e en Ferrol e Santiago hai unha en cada urbe.

Sobre a cobertura de prazas por médicos de familia, o sindicato indica que o maior número de casos danse na Coruña e en Lugo (11), seguidas de Santiago (8), Vigo (5), Ferrol (4) e Ourense e Pontevedra (3).

O'Mega entende que a situación "non só resulta prexudicial para os usuarios da asistencia pediátrica na Galiza, senón que prexudica todo o sistema sanitario público porque os 45 médicos puericultores que ocupan prazas deseñadas para pediatras supoñen unha diminución de recursos para a asistencia primaria xeral, onde tamén faltan médicos de familia".

"Ameaza con agravarse"

Por tanto, reclaman a "inmediata" cobertura de "todas" as prazas vacantes ante unha situación que, segundo advertiu, "ameaza con agravarse aínda máis coa prevista xubilación de pediatras actualmente en activo no sistema sanitario público galego".

Así mesmo, expoñen a concentración da oferta asistencial en horario matutino como vía para "optimizar" os recursos humanos dispoñíbeis, polo que insta o Sergas a "non dispersar os insuficientes recursos existentes dividíndoos en quendas de mañá e tarde".