Denuncian que o CHUS suspende un TAC preferente a un paciente de hematoloxía sen fixar data para a súa realización

Exterior do Chus en Compostela (Arxina).

A Asociación de pacientes fala dunha “nova abitrariedade” nos servizos especializados.

A Asociación de pacientes e usuarios do CHUS, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, denuncian que o servizo de hematoloxía suspendeu un TAC preferente a un paciente, sen fixar data nova algunha para a súa realización.

O propio afectado, Xoán Fermín Rodríguez Martínez, relata o que aconteceu. “Son paciente diagnosticado con síndrome linfoproliferativo crónico tipo Leucemia Crónica estado II-B de Rai e cardiopatía hipertensiva con FIVE conservada”.

“O pasado día 24 de xaneiro de 2023 a miña hematóloga solicitoume un TAC con carácter preferente (máximo 15 días por aplicación analóxica do artigo 10.2.b. da orde do 13 de xullo do 2004) indicando na solicitude o límite de 1 mes para súa realización”, explica.

“Posteriormente cando faltaban 8 días para cumprirse o prazo póñome en contacto co servizo de radioloxía e se me comunica, sen explicación ou xustificación algunha, que a proba solicitada non se realizará ata o mes de abril e que a data serame notificada telefonicamente ou por escrito”.

“ O cambio de data será comunicada directamente por radioloxía a hematoloxía. O día 20 deste mes, tamén telefonicamente, se me informa que a cita de do día 24 ca hematóloga para análise do TAC queda posposta “sine die” até que se faga a proba solicitada”.

“O día 21 de febreiro, solicite telefonicamente unha cita ca facultativa a través dos servizos administrativos de hematoloxía, sen recibir resposta algunha e hoxe non teño información sobre as causas da modificación e as consecuencias que elo poden ter para miña doenza. Ante esta situación formulei reclamación formal por escrito ante a xerencia solicitando unha entrevista ca miña facultativa e estou a espera de que a mesma sexa respondida.” 

Para a Asociación de pacientes, estase “ante unha nova vulneración do dereito a ser atendido nos tempos estabelecidos clinicamente e a anteposición de criterios administrativos e de disposición de medios fronte a criterios clínicos fixados polo persoal facultativo”.

Todo acto clínico que dea preferencia a ditos criterios, afirman, constitúe tamén unha vulneración do Código Deontolóxico da profesión médica colexial que, no seu artigo 7.5., expresamente estabelece que os médicos velarán para que se dean os requisitos de calidade, suficiencia asistencial e mantemento dos principios éticos, estando obrigados a denunciar as deficiencias, en tanto podan afectar á correcta atención aos pacientes.

O silencio dos servizos de hematoloxía ante a solicitude de explicacións por parte de Xoán Fermín, manifesta esta asociación, constitúe “o incumprimento do deber de información que, o artigo 16.1. do Código Deontolóxico, abriga ao persoal sanitario e a violación do dereito a información que temos recoñecidos os pacientes  no artigo 10.2. da Lei 8/2008, de Saúde de Galiza que expresamente estabelece o dereito a coñecer e recibir verbalmente, con motivo de calquera actuación no ámbito da saúde, toda a información dispoñible sobre a mesma”.