Denuncian que os Campamentos Dixitais da Xunta e da Fundación Cibervoluntarios contraveñen as recomendacións pediátricas
Ecoloxistas en Acción e Adolescencia Libre de Móbiles destacan que a información que os campamentos dixitais ofrecen ás familias obvia o rol disruptivo do inicio precoz de pantallas e redes sociais. Todo iso nun contexto de progresivo posicionamento de sociedades científicas, e a crecente conciencia social, sobre os efectos adversos coñecidos do uso de dispositivos dixitais e redes na aprendizaxe, o desenvolvemento e a saúde das e dos menores.
As organizacións sinalan como as actividades ofertadas en devanditos campamentos dixitais estivais non responden a necesidades de aprendizaxe realistas, nin contemplan as limitadas capacidades do estadio madurativo nestas idades para poder afrontar un uso crítico e responsábel do universo dixital e as súas estratexias aditivas. Pola contra, consideran que interfiren na formación de capacidades cognitivas esenciais para a aprendizaxe: concentración, memoria de traballo, pensamento lóxico-matemático, comprensión lectora, comprensión e integración da información, desenvolvemento psicomotor ou creatividade.
Tamén denuncian que a introdución das e dos menores en plataformas e redes sociais, en xornadas de cinco horas de conexión ao día, transgride as actuais recomendacións da Asociación Española de Pediatría (AEP) de educar no dixital sen pantallas e dos tempos de exposición a pantallas (cero horas en menores de 6 anos, menor a unha hora ao día entre sete e 12 anos, e menos de dúas horas entre 13 e 16, incluído tempo de escola e deberes). Recomendacións recentemente avaladas por sociedades médicas e psicolóxicas de referencia como a Sociedade Española de Neuroloxía, o Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Asociación Española de Psiquiatría da Infancia e da Adolescencia.
A propia ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, que avalou as subvencións a esta actividade estival con fondos Next Generation (63,25 millóns de euros a nivel estatal á Fundación Cibervoluntarios e uns dous millóns de euros á Xunta da Galiza) para facilitar o acceso á poboación con menos recursos, recoñecía e denunciaba recentemente que "a industria tecnolóxica está 'facendo caixa' coa explotación infantil". De feito, o Proxecto de Lei para a protección das persoas menores de idade nas contornas dixitais, auspiciado pola ministra e actualmente no Congreso, xa prohibiría o simple acceso a redes dos menores de 16 anos participantes en ditos campamentos.
A AEP xa solicitou en abril de 2025 que "a aprendizaxe da competencia dixital se desenvolva sen pantallas". En palabras da pediatra María Salmerón, a introdución de pantallas en menores "non só non é necesaria, senón que resulta prexudicial", e incide en que a competencia dixital non implica expor a pantallas se non que "é pensar criticamente, saber protexerse nas contornas dixitais, entender como funcionan os algoritmos, identificar 'bulos' ou participar activamente nunha sociedade conectada, contidos que poden empezarse a traballar sen necesidade de recorrer a dispositivos". Julio Álvarez Pitti, tamén membro da AEP, engade que "a educación dixital debe adaptarse á etapa de desenvolvemento do alumnado. Iniciar esa aprendizaxe sen pantallas permite sentar unhas bases sólidas e saudábeis para unha alfabetización dixital crítica".
Ecoloxistas en Acción e Adolescencia Libre de Móbiles alertan de que, con iniciativas como as dos campamentos dixitais, córrese o risco de perpetuar os mitos do "uso responsable e saudábel" de ferramentas aditivas en menores e o de "pechar a fenda dixital" como escusa para introducir pantallas en todas as etapas.
Tamén advirten de que os estratos socioeconómicos máis vulnerábeis son os máis prexudicados coa oferta gratuíta destas actividades, que substitúen a outras, máis oportunas e necesarias no período estival. Asemade, reclaman ás distintas administracións dirixir o apoio público a actividades "desconectadas" no tempo de lecer, como é o verán, na liña recomendada por expertas, para facilitar o acceso a campamentos na natureza, en conexión ao mundo que lles rodea en lugar das pantallas.
A opinión de persoas expertas
Xulio Carmona, enfermeiro en saúde mental, experto en adiccións tecnolóxicas e coordinador confederal da campaña Escola Saudábel de Ecoloxistas en Acción, declara que "mentres desde a pediatría, psiquiatría, psicoloxía, neuroloxía, apélase á desescalada dixital dos menores, as distintas administracións mostran a ausencia dun criterio protector claro ante as presións de dixitalixación e sedución aditiva de nenas, nenos e adolescentes, mesmo no tempo de lecer estival. Ensinar a ordenar á intelixencia artificial a fabricación de cancións, imaxes ou a responder preguntas, como publicitan, é só un exemplo da perda de oportunidades para desenvolver aprendizaxes significativas na vivencia real".
Pola súa parte, María Couso, pedagoga, mestra, máster en Psicopedagoxía Clínica e Neuroeducación, e divulgadora da importancia dos xogos de mesa no desenvolvemento da infancia, apunta que "de existir fondos públicos para programas infantoxuvenís, por que non aproveitamos para afastalos das pantallas? Que os nenos no noso país de clases socioeconómicas baixas teñen puntuacións tremendamente altas no seu peso corporal, que a accesibilidade a unha correcta linguaxe, a unha correcta estimulación para o desenvolvemento dos nosos nenos, xera unha fenda social en detrimento das clases económicas baixas. Pero, 'o teu fillo necesita un campamento dixital'. Este proxecto [de campamentos dixitais] manifesta o pouco que saben sobre infancia e adolescencia os nosos dirixentes políticos".
Diego Hidalgo, impulsor do Movemento OFF, engade que "fomentar, co apoio de fondos públicos considerábeis, que menores desde o nove anos realicen un campamento dixital intensivo parece anacrónico, tomando en consideración a abundante evidencia científica que mostra as consecuencias nefastas da hiperconexión na infancia e a adolescencia, en termos de saúde física, psicolóxica e cognitiva. As competencias necesarias para sacar o maior proveito da contorna dixital adquírense no mundo offline, non aprendendo a 'crear unha estratexia para situarse nas redes sociais' ou 'aprender a realizar vídeos con engache'. O reto que enfrontamos como sociedade non é o do maior acceso á tecnoloxía dixital, senón o do seu consumo crecente e excesivo".
Mar España, ex directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e directora da Plataforma Control Z, manifestou recentemente "a necesidade de adaptar o ensino dixital dentro e fóra das aulas ao que recomenda a Asociación Española de Pediatría, que non pode ser que haxa familias responsábeis que atrasen a entrega do móbil, a pesar da presión social que hai, e logo se lles impoña no colexio ou no instituto o uso de dispositivos que están a provocar adiccións e outros problemas de saúde mental. Estamos ante unha emerxencia de saúde pública, os gobernos non poden mirar cara a outro lado".
Isabel Álvarez, voceira de Adolescencia Libre de Móbiles de Galicia, declara que "as familias no eido da ALM sumámonos ás recomendacións da AEP fomentando ferramentas como os Pactos de Familias para postergar a entrega de smartphones á vida dos nosos fillos e fillas. Reclamamos que se garantan as achegas pediátricas de atender á idade antes de introducir pantallas dentro e fóra da escola, así como traballar as competencias dixitais sen necesidade de expor as crianzas a elas. O verán é a época ideal para aparcar pantallas e rachar coa refutada rutina dixital escolar. Os fondos públicos deberían ir encamiñados a actividades ao aire libre, deportes, socializar, coñecer o medio, etc".