En Marea denuncia a privatización do castro de San Cibrao de Las a unha empresa de cargos do PP

Imaxe PACC

Ánxeles Cuña cuestiona a concesión á firma do alcalde popular de Campo Lameiro.

A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, denunciou  no Parlamento de Galiza “a  privatización e concesión da xestión” do parque arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Lás (Ourense) “a unha empresa dirixida por cargos pertencentes ao Partido Popular”.

Cuña explicou que no 2014 a empresa Espiral Xestión Cultural, “administrada por familiares de cargos do PP”, recibiron da Xunta 543.842, euros até 2017 para xestionar o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica. A empresa, sostén a parlamentar de En Marea, foi creada no 2013, “isto é, con nula ou en todo caso moi reducida experiencia en xestión cultural, pero con dous administradores como Jorge Sayáns (fillo do alcalde do PP de Campo Lameiro) e Xulio Sayáns (do PP, con bastón de mando dende 1983)”

Esta firma xa fora beneficiada con anterioridade para a xestión do parque arqueolóxico dedicado á arte rupestre de Campo Lameiro, sen necesidade de pasar pola mesa de contratación pública, denuncia En Marea. “Subrogáronselles 554,500 € para que continuasen a xestión de Ingenia Qued que entrara en concurso de acredores.  Parte dos petróglifos de Campo Lameiro, foron danados por maquinaria pesada durante a roza do monte a consecuencia da mala xestión desta empresa no PAAR”.

En Marea reclama unha auditoría pública á empresa concesionaria, pois hai dúbidas sobre o proceso de adxudicación pero tamén da súa xestión en todo este tempo.