Denuncian a aparición dunha nova pintada homófoba en Oleiros

A pintada aparecida en Oleiros (Foto: Nós Diario).
Non é a primeira vez que o municipio é vítima dun ataque coma este.

O BNG de Oleiros alertou na mañá desta terza feira da aparición dunha nova pintada homófoba neste municipio; en concreto, no peirao de Santa Cruz, "un espazo moi frecuentado pola xente nova desta e outras localidades do municipio como punto de encontro e de lecer", segundo indica a formación, a través dun comunicado.

Mais este non é o primeiro caso de homofobia que sofre Santa Cruz: "Hai un par de anos apareceu unha pintada, con mensaxe de idéntico contido de odio cara á diversidade afectivo-sexual, sobre o asfalto camiño da biblioteca municipal e o auditorio das Torres, a poucos metros do CEIP Isidro Parga Pondal", salienta o Bloque.

Aquela pintada, lembran, "tardou meses en ser eliminada", e xunto a ela "pasaron diariamente ducias de nenas e nenos camiño do seu centro educativo ou das actividades da biblioteca ou do pavillón polideportivo".

"Outra similitude entre aquela pintada e a recén aparecida no porto é o seu estilo: nela sinálase con toda clareza, polo nome, un destinatario concreto. Buscando, obviamente, a identificación, o escarnio e a humillación da persoa aludida, ao máis puro estilo nazi", lamenta a formación nacionalista.

Tamén apareceron senllas pintadas homófobas no exterior dos IES Xosé Neira Vilas (Perillo) e Miraflores (Oleiros). "Neste último caso tivo que ser o propio BNG o que a eliminou, por medio dunha acción reivindicativa, logo da súa permanencia no exterior do centro durante cando menos cinco anos sen que a Consellaría de Educación fixese nada", cuestionan.

En consecuencia, o BNG de Oleiros solicita a Portos da Galiza, ente ao que pertence o peirao de Santa Cruz, "que non sexa tan neglixente como a Consellaría de Educación e proceda de inmediato a eliminar a pintada".

Fronte ao "inzamento destes discursos de odio", o Bloque pide "menos indignacións momentáneas que acaban ao día seguinte e condenas baleiras de contido e máis accións concretas en todos os ámbitos da sociedade e coa colaboración de todas as administracións".