Denuncian a perda de camas e persoal no Hospital Gil Casares de Compostela

[Imaxe: CIG] Concentración do persoal no Hospital Gil Casares de Compostela.
As traballadoras e os traballadores critican a decisión da xerencia de trasladar a unidade de paliativos para o Hospital Provincial.

Persoal do Hospital Gil Casares concentrouse esta quinta feira para denunciar que co traslado da unidade de paliativos para o Hospital Provincial perderanse camas e haberá unha afectación do persoal. Ademais as organizacións sindicais advertiron de que o que se pretende “é externalizar doentes coa hospitalización a domicilio” e denunciaron que mesmo falta o informe de avaliación de riscos da unidade no novo emprazamento no hospital de Conxo.

María Cortés Ayaso, presidenta da Comisión de Centro de Especializada de Santiago, explicou que a xerencia obviou dar información previa ás traballadoras e traballadores que se ven afectados, tal e como é preceptivo na normativa, e asegurou que o están facendo agora, ofertándolles prazas, e non cando o tiñan que ter feito.

Cortés Ayaso explicou tamén que o ano pasado esta unidade xa sufriu unha reestruturación, pasando as habitacións de dúas camas a unha. “Con esa reestruturación, de 35 camas operativas pasouse a 20 e desapareceron 15, pero agora, coa nova organización, o servizo de paliativos do hospital de Conxo vai contar con 19, unha menos que no Gil Casares”.

Tamén Santiago lembrou que antes o servizo de Medicina Interna contaba con 131 camas, das que 89 estaban habilitadas e 42 estaban inhabilitadas ou con inactividade estrutural e que a xerencia di agora que Medicina Interna vai contar con 112 camas, “é dicir, o resultado de restarlle 19 camas a esas 131”.

“Externalizar doentes”
As traballadoras denuncian que o que se pretende “é externalizar doentes e implicar máis o servizo de hospitalización a domicilio (HADO), contando coa colaboración de Atención Primaria e dos Puntos de Atención Continuada”.