Denuncian a participación de Desokupa nunha intervención da Policía Local de Vigo
O BNG vigués considera a participación dun “grupo ultra” en operativos da Policía Local como uns feitos “gravísimos, sen precedentes até o momento”.
O BNG vén de exixir explicacións ao Goberno municipal de Vigo tras coñecerse a participación da empresa de desaloxos Desokupa nunha intervención realizada pola Policía Local. A formación nacionalista cualifica este feito de “gravísimo” e reclama a comparecencia inmediata da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño. Pide tamén que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, aclare se coñecía ou autorizou a presenza desta empresa privada vinculada coa extrema dereita, dado que a participación do Grupo Operativo de Apoio (GOA) da Policía Local neste operativo “tería sido requirida polo Corpo de Policía” española.
Os feitos producíronse, segundo traslada o BNG vigués nun comunicado, esta cuarta feira, cando un operativo policial con participación de axentes da Policía Local, procederon ao desaloxo dun bloque de vivendas na rúa Sagunto, no barrio do Calvario. Nese operativo, no que “se acabou producindo unha detención que podería estar vinculada co tráfico de drogas”, para alén de axentes da Policía municipal terían participado tamén elementos da empresa Desokupa, que a través dun vídeo publicado en redes sociais agradecían a colaboración do GOA da Policía Local e, singularmente do seu mando, e no que se ve como percorren as instalacións do edificio desaloxado “mentres se están practicando actuacións por parte de axentes policiais, tocando e movendo elementos obxecto de investigación”.
Para o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, “estamos ante feitos gravísimos, sen precedentes coñecidos até o momento, como é a participación dun grupo ultra, coñecido polas súas intervencións violentas e comportamentos de tipo mafioso, colaborando nunha actuación policial”. Situación que, ademais, “podería comprometer a validez xurídica desa intervención e dos elementos probatorios atopados e que está fóra do previsto nos protocolos policiais”.
Por iso desde o BNG exixen que a concelleira delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, compareza de maneira inmediata para dar explicacións sobre este operativo. E van demandar, ademais, que se lles facilite acceso a toda a documentación e atestado desa intervención, así como que se informe sobre se a empresa Desokupa, ou outras do mesmo tipo, teñen participado ou colaborado noutros operativos da Policía Local.
Por outra parte, tendo en conta que segundo transcendeu publicamente, en diversas informacións publicadas, a presenza dos GOA da Policía Local tería sido requirida pola Policía española, no BNG cren tamén necesario que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, explique se coñecía ou autorizou a presenza deste grupo con coñecidas vinculacións coa extrema dereita nesta intervención.
“Desde o BNG reclamamos que se tomen todas as medidas necesarias para que estes feitos non se volvan repetir, no convencemento de que as labores policiais e a salvagarda da seguridade pública non poden estar participadas, en ningún caso, por organizacións ultra ou empresas como Desokupa”, remarca Igrexas.