Denuncian novos incumprimentos de seguridade en Reganosa

Instalacións de Reganosa

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol critica que o 24 de maio un quimiqueiro e un gaseiro coincidiron no atraque e descarga a unha distancia de 120 metros, cando a normativa estabelece un mínimo de 300.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) denunciou ante a Dirección Xeral da Mariña Mercante o incumprimento das Normas de Seguridade para gaseiros cargados con GNL na Ría de Ferrol.

CCE desvelou que o pasado día 24 de maio, domingo, un quimiqueiro de 91 metros de eslora e un gaseiro de 288 coincidiron no atraque e descarga , o primeiro en Forestal do Atlántico e o segundo en Reganosa. Todo tivo lugar a unha distancia de 120 metros, cando a normativa de seguridade estabelece unha distancia mínima de 300 entre eles.

Segundo o colectivo, “tampouco, como é obrigatorio, houbo un remolcador na inmediación do gaseiro en marcha e disposto para previr unha emerxencia”.

Lembran que, “en caso de accidente, agravado por efecto dominó entre os buques próximos e as dúas Plantas, Forestal e Reganosa, a poboación afectada nun radio de 2 quilómetros (Mugardos, O Seixo, Ferrol) sería superior a 30.000 persoas”.

“A pesar das reiteradas denuncias que o CCE leva 20 anos facendo, as Administracións miran para outro lado. Iso si, de producirse a desgraza, habería un longo loito oficial, moitas bandeiras a media hasta e até viría a Coroa a presidir o funeral”, conclúen.