Denuncian un novo colapso no servizo de Urxencias do CHUAC

Case 240.000 usuarios do Sergas solicitaron libre elección de personal sanitario de atención primaria. (Foto: Europa Press)
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) denuncia o "colapso" das urxencias e a presenza de máis de medio cento de pacientes sen cama asignada.

A Comisión de Centro do Hospital Universitario A Coruña (CHUAC) denuncia un "novo colapso" no servizo de Urxencias, mentres que a dirección do centro asegura que a situación se debeu a "unha importante repunta da demanda".

Mais a comisión insiste, a través dun comunicado, en  que "a día de hoxe volven abrir un corredor fóra do servizo de urxencias" e "hai máis de 54 pacientes sen cama asignada no servizo" o que leva a “que estea completamente colapsado".

 "A situación en Urxencias é desbordante, non se pode garantir unha calidade asistencial nin de seguridade aos pacientes nestas condicións", sosteñen.

A Comisión de Centro engade que hai "semanas" nas que "non se cobren todas as presencias de persoal necesarias", o que conleva unha "carga psicolóxica e física insustentábel".

"A xerencia continúa a mirar para outro lado, é continuo o colapso das urxencias, pero segue sen pór unha solución enriba da mesa, nin sequera un plan nin para evitar que se chegue a este punto nin para solucionalo de forma áxil cando ocorre", lamenta.

Por todo isto, a Comisión de Centro exíxelle á xerencia que "dunha vez faga un esforzo para solucionar o problema crónico de colapso do servicio de Urxencias do CHUAC".

Por parte da xerencia do hospital tan só se engade que á situación vivida no servizo de Urxencias polo aumento da demanda súmaselle que teñen "a obriga de manter o dobre circuíto Covid e todo iso agravado ao ser ponte", en referencia ao festivo de San Xoán.

Ademais, a dirección do CHUAC lembra que o servicio "acaba de ser obxecto dunha ampliación" con varias salas de espera novas que entraron en funcionamento en días pasados "e nestes momentos estase a rematar un espazo central nas zonas de observación".

"Reforzouse o servizo contratando a todo o persoal dispoñíbel nas listas de contratación", aseguran, e lembran o "importante esforzo de incremento de actividade que se está a facer para recuperar a actividade retrasada pola pandemia".