Denuncian de novo unha "alta presión" asistencial no centro de saúde de Fingoi, en Lugo

Centro de saúde de Fingoi, en Lugo. (Foto: Google Maps)
O sindicato Satse apunta a que detrás da repunta de pacientes están as infeccións respiratorias, causantes de sete de cada dez visitas esta fin de semana.

O sindicato de enfermaría Satse denunciou esta segunda feira unha "alta presión sanitaria" no punto de atención continuada (PAC) de Fingoi, en Lugo, unha situación que vén dada por un gran número de patoloxías respiratorias nos últimos días.

Tanto é así que esta fin de semana até sete de cada dez casos que se atenderon correspondíanse con esas patoloxías respiratorias, segundo os cálculos que fixo o delegado de Satse en Lugo, Manuel Veiga.

Sobre todo, chama a atención sobre os problemas de "nebulización" cos que se topan. Veiga tamén fai especial fincapé no uso das máscaras, "en lugares públicos con moita concentración de persoas".

"O ano pasado e o anterior [pandemia] viramos unha baixada exponencial de todas as patoloxías respiratorias. Este ano acumúlanse casos, sobre todo polo tema da máscara", puntualizou.

Veiga apelou a facer un "traballo de sensibilización" coa poboación en xeral: "Non hai xa a obriga de levar a máscara en lugares públicos, pero si que temos que ser conscientes de que as persoas con patoloxías agudas, como asmáticos, deberiamos pensar que a máscara veu para quedar", subscribiu.

Desde Satse estímase que "no PAC de Lugo, 70% das patoloxías de adultos e de nenos eran patoloxías respiratorias", o que levaría a unha "lixeira saturación" durante a fin de semana en Fingoi.