Denuncian a "neglixencia" do Sergas ante a detección de novos casos de coronavirus en hospitais

Persoal de enfermaría censura a falta de protección ante novos casos de coronavirus (Europa Press).
Persoal sanitario censura a falta de planificación e rigor no cumprimento dos protocolos de prevención e illamento en caso de contacto con casos positivos de Covid-19. As actuacións, din, varían segundo as áreas sanitarias.

Persoal de enfermaría do servizo de Cirurxía do Hospital de Ourense denuncia a "neglixencia" do Sergas ante a detección de novos casos de coronavirus entre os pacientes ingresados, un desleixamento que compromete, din, tanto a saúde doutros enfermos hospitalizados como dos propios profesionais sanitarios.  

En declaracións a Nós Diario, aseguran que nunha das dúas unidades de Cirurxía do Complexo Hospitalario de Ourense conviven, desde hai tres meses, pacientes Covid con doentes de cirurxía, "até o punto de que o mesmo enfermeiro ou enfermeira durante a mesma quenda leva pacientes positivos e doentes cirúrxicos sans, limpos".

Neste escenario asistencial, "un doente de Uroloxía que acabou na nosa unidade, que non estaba illado e ao que non se lle fixo unha proba PCR, de súpeto deu positivo, e o persoal que estivemos en contacto con el temos que seguir a traballar. Non nos poñen en corentena nin nos fan unha proba" para descartar un posíbel contaxio.

Medidas de prevención

O persoal de enfermaría afirma que na actualidade as medidas de prevención "son máis laxas". "Fomos nós quen nos puxemos en contacto con Medicina Preventiva, que se limitaron a poñer o noso nome nun papel lista e a pedirnos que vixiásemos a aparición de calquera síntoma".

O colectivo profesional censura o descoido do servizo de prevención do hospital ao minimizar o risco de contaxio da Covid. "Dixéronnos que se levábamos unha máscara cirúrxica, nin sequera unha FP2, o perigo era mínimo. Hai quen xa lle trasladou a Preventiva a aparición de tose e febre, mais a resposta seguiu sendo a mesma: que se traballamos con máscara cirúrxica non ten por que pasar nada".

Dende o seu ingreso no hospital, na tarde da pasada cuarta feira, até que se confirmou o seu positivo, esta sexta feira á mañá, o paciente estivo en contacto "con decenas de traballadores" que non están en corentena. "E mañá, moitos, temos que ir traballar de novo".

Combinación de Covid e cirurxía

Na actualidade, asegura o persoal de enfermaría de Cirurxía de Ourense, as persoas diagnosticadas de Covid-19 "estanse tratando como un illado máis, como se fose unha pneumonía ou unha tuberculose, con todo o risco que iso supón para o paciente cirúrxico, moi difícil de manexar".

Chegamos a usar máscaras que nin sequera son para uso médico, que son para limpar o garaxe ou recoller a herba.

Neste sentido, afirman, no momento en que souberon que a súa unidade se ía converter nunha "combinación de Covid e cirurxía", no inicio do desconfinamento, "fixemos un escrito que diriximos tanto á xerencia, á dirección do hospital e aos nosos xefes dicíndolles que iso era unha aberración que contradicía as directrices sanitarias e a normativa Organización Mundial da Saúde, xa que ao final, as sospeitas de Covid e os casos confirmados entran e saen polo mesmo sitio que o resto de doentes, co risco que iso supón".

A estas alturas, aseguran que aínda non recibiron resposta ningunha, e que o acceso a meterial de protección individual de calidade que garanta a súa seguridade se complicou co paso das semanas. "Chegamos a usar máscaras que nin sequera son para uso médico, que son para limpar o garaxe ou recoller a herba".

Protocolos libres de interpretación

A denuncia do persoal de enfermaría de cirurxía do Hospital de Ourense coincide coa denuncia da Comisión de Centro de Atención Especializada da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense Verín e o Barco de Valdeorras. Nun escrito titulado "O protocolo da libre interpretación", censuran “a falta de criterios claros na aplicación dos denominados ‘protocolos’ que fallan na súa parte máis elemental: a súa aplicación práctica”.

Aseguran que "segundo a xerencia na que nos atopemos” a actuación ante un caso de contacto con persoal sanitario ou doentes positivos. “esta falta de planificación e estas actuacións aleatorias supoñen un desprezo polo traballo e a saúde”.

En Vigo, un doente positivo despois de varios días ingresado no Álvaro Cunqueiro levou "27 traballadores á casa, en illamento, con proba PCR e vixilancia de aparición de síntomas". En Ourense, "todos os traballadores seguen a traballar con vixilancia pasiva de síntomas".

Na de Pontevedra, un positivo no Hospital de Montecelo tamén obrigou a illar persoal de Pneumoloxía.