Denuncian a mordaza da TVG á insubmisión no repagamento dos fármacos

Ducias de concellos asumen ese pagamento para evitar que teña que sufrila a veciñanza, asembleas acordan mobilizacións, roldas de prensa de colectivos afectad@s pola decisión do goberno... “Nin un só segundo” destas novas na televisión pública denuncian desde 'Eu non manipulo'.

A decisión do goberno de fixar un repagamento para os fármacos hospitalarios era unha medida máis na lista de decisións tomadas polos gobernos do PP para unha sanidade cada vez menos pública. Mais a medida foi, tamén, a que colmou o vaso e xerou un movemento de insubmisión á mesma que vai a máis. Un movemento con epicentro nunha pequena vila de Lugo, Riotorto, gobernada polo BNG e que decide asumir o custo dese repagamento para evitar que vaia o peto da veciñanza.

Desde entón, máis e máis concellos (mesmo do PP) foron sumándose á medida, houbo asembleas e xuntanzas, roldas de prensa, naceu unha  Iniciativa Galega en Defensa da Gratuidade da Sanidade que convoca mobilizacións nos hospitais galegos o 8 de novembro, e unha gran manifestación en Santiago o 17 para esixir que se retire o copago na medicación do cancro. Mais de todo iso, na TVG, a televisión pública de tod@s @s galeg@s, nada de nada. Ren de ren.

Esta denuncia faina o blog 'Eu non manipulo', que cualifica de “vergoñento silencio” o que mantén a canle galega sobre este tema. “A TVG non dá nin un só segundo sobre estas noticias”, engaden.