Denuncian ante o Ministerio a Mineira de Corcoesto por presunta obtención irregular de subvencións

As asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza exixen o reintegro de 350.000 euros que, afirman, obtivéronse incumprindo os requisitos da convocatoria de subvencións

Mineira de Corcoesto, S.L. obtivo no ano 2013 unha subvención de 150.000 euros que estaba destinada á execución do proxecto “Investigación complementaria para a definición de novas reservas mineiras e a realización de estudos adicionais de hidroxeoloxía e xeotecnia no xacemento aurífero de Corcoesto 2012/2013”. No ano anterior, a empresarecibira da mesma administración outros 200.000 euros por traballos similares.

Mais, sinalan colectivos veciñais da zona, houboa vulneración das bases da convocatoria destas subvencións, pois establecen como requisito imprescindíbel “que as empresas solicitantes deben ser titulares do aproveitamento do dominio mineiro obxecto do proxecto presentado, en calquera das formas previstas na lei 22/1973 de minas, e tamén que a empresa solicitante exerza unha actividade económica”. Ambos requisitos son incumpridos por Mineira de Corcoesto, afirman desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a través das asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza.

Por iso, estes colectivos exixen ao Ministerio de Industria que proceda á revisión dos expedientes polos que concedeu as subvencións a Mineira de Corcoesto, S.L., e que, de xeito inmediato, solicite o reintegro das mesmas