Denuncian "malas prácticas" con cetáceos por parte de bañistas e navegantes na costa galega

Cetáceos na costa galega (Foto: CEMMA)

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) denuncia "malas prácticas" con cetáceos por parte dalgunhas persoas bañistas, navegantes e usuarias do mar.

Desde hai anos as mandas de arroaces son “perseguidas e acosadas durante o verán desde que sae o sol até que se pon”, sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos da Galiza, como o de Baiona, Combarro, Sanxenxo e Portonovo. Así o denuncia a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que vén de alertar da deteccións de "malas prácticas" con cetáceos por parte dalgunhas persoas bañistas, navegantes e usuarias do mar. "

Nun comunicado, afirman ter constancia do "bo facer de moitos navegantes, que cando detectan a presenza de cetáceos son respectuosos coa lexislación vixente, coa presenza dos cetáceos e mesmo dan avisos a CEMMA para levar o rexistro destas especies".

Con todo, inciden en que "ocasionalmente motos acuáticas e embarcacións deportivas persisten no acoso ás mandas". "Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles cualificándoos de “praga", unha visión que CEMMA cualifica de "falsa" e " distorsionada".

Por outra banda, apuntan que anualmente morren máis de 70 arroaces en toda a Galiza por causa das actividades pesqueiras. "Ademais, os arroaces das nosas costas son os máis contaminados de toda Europa e esta situación afecta á súa saúde", sinalan no comunicado.