Denuncian un logroñés que saltou o feche perimetral cun xustificante falso que puña ‘Sanxenso’

Policía Local de Poio en Raxó

A policía decatouse de que o nome do concello estaba mal escrito na declaración responsábel que xustificaba o desprazamento do logroñés á Galiza, polo que chamou ao empresario que supostamente a asinara. O empresario manifestou que non emitira tal documento e que aquela non era a súa sinatura.

A Policía Local de Poio detectou a pasada terza feira, 30 de marzo, unha persoa procedente de Logroño, na Rioxa, que se desprazou ao municipio para supostamente asistir a unha peritaxe nunha empresa náutica de Sanxenxo. Con todo, os axentes que o interceptaron comprobaron como o xustificante de desprazamento, que resultou ser falso, levaba mal escrito o nome do concello: 'Sanxenso'.

Segundo informa a Policía Local, esta persoa estaba aloxada en Raxó e foron os propios veciños os que alertaron da súa presenza na zona. Así, os axentes identificárono nas proximidades do porto da localidade e presentou unha declaración responsábel realizada por un empresario de Sanxenxo para o período entre o 28 de marzo e o día 6 de abril, é dicir, durante toda a Semana Santa.

Así, os policías recolleron a documentación entregada para verificar a súa autenticidade e, desde as dependencias da Xefatura, puideron observar que no xustificante aparecía escrito 'Sanxenso'.

Ademais, cando trataron de contactar co empresario que supostamente asinara a declaración responsábel, manifestou que non emitira tal documento e que aquela non era a súa sinatura. Por isto mesmo, a Policía determinou que o xustificante é falso.

Por mor destes feitos, abriuse dilixencias xudiciais contra este veciño de Logroño por un presunto delito de falsificación documental e propúxoselle para sanción por saltarse o fechamento perimetral da Galiza. Así mesmo, a Policía ordenoulle que abandonase a Galiza nese preciso momento, ao que accedeu voluntariamente.

A noticia chega logo de que esta Semana Santa a Policía Local de Cambados abrise procedemento de sanción ao dirixente da oposición venezolana residente en Madrid, Leopoldo López, por atoparse irregularmente na Galiza, aínda que logo xustificase a súa viaxe para realizar encontros con comunidades de venezolanos no noso país. Casualmente, e sen ningún tipo de anuncio previo, onte realizou un encontro en Celanova, un evento nunha cafetaría con todas as trazas de ser organizado á ultima hora para xustificar a presenza do opositor após ser multado.

Tal e como analizou Nós Diario na sexta feira, estas noticias sacan á luz pública os incumprimentos das restricións á mobilidade impostas polo Goberno estatal e evidencia que os fechamentos perimetrais vixentes durante toda a Semana Santa non están impedindo a chegada masiva á Galiza de cidadáns do resto Estado.