Denuncian listas de agarda de 20 días para Atención Primaria en Marín

Veciñanza de Marín ás portas do Hospital de Pontevedra. (Foto: Jose Luis García)
Regalan carbón ao xerente da área sanitaria.

Un grupo de veciñas e veciños que participan da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa 21 colectivos de varias parroquias do concello de Marín (comarca do Morrazo), achegouse esta sexta feira ás portas do Hospital Provincial de Pontevedra para denunciar a situación na que se atopa a atención sanitaria en Marín. Os membros da organización entregaron varios agasallos, entre eles carbón, ao xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias, como protesta. 

Desde a plataforma aseveran que fixeron este acto simbólico porque “a situación é máis grave do que está trascendendo” e critican “unha política sanitaria suicida que leva a sanidade pública ao límite, aos profesionais ao esgotamento e as veciñas e veciños á desesperación”.

Por outro lado, a plataforma sinala que "levan semanas denunciando que en medicina de familia hai cupos con esperas entre 15 e 22 días para consulta" e afirma que a situación en Pediatría tamén é de gravidade: "Non está a haber controis, nin revisións de idade ordinarias das crianzas. Só hai 1 pediatra para 3.500 menores, e só atende urxencias até as 14 horas”, afirman desde a entidade. 

Aliás, indican que o día 4 de febreiro estarán na manifestación das plataformas e de SOS Sanidade en Compostela.