Lingua

A CIG denuncia a irrelevancia das axudas da Xunta ao galego nos centros docentes

Reclaman que se tome a serio a normalización lingüística

As axudas da Xunta destinadas a dinamizar e normalizar a lingua nos centro docentes públicos non alcanzan o 20% dos importes solicitados, feito polo que desde a CIG cualifícanas de “irrelevantes” e sinalan a existencia de “desidia” na súa tramitación.

Os centros docentes públicos que solicitaron as axudas da Xunta para desenvolver proxectos e actividades destinadas a promover a dinamización e normalización do galego veñen de comprobar que a concesión non acada nin o 20% dos importes solicitados.

Ante esta situación, desde a Confederación Intersindical Galega cualifican de “irrelevantes” as axudas da Xunta de Galiza e acusan a existencia de “desidia” na tramitación das mesmas.

Esta quinta feira 27 de xuño publicouse no Diario Oficial de Galiza (un mes máis tarde que no curso escolar anterior) a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos.

Desde a central sindical nacionalista sinalan que as axudas ascenden segundo o publicado no DOG a un total de 299.979 euros, o que implica que a Dirección Xeral de Política Lingüística “limítanse a cubrir o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país, unha cifra que ascendía a 1.516.410 euros”.

Consideran imposíbel que se pretenda fomentar o idioma entre a mocidade e o alumnado destinando unha media de dous euros por persoa

Así mesmo, a CIG denuncia que se xa de por si “é escandalosa a cifra global que se achega no DOG para o fomento do uso do galego no ensino, aínda é máis significativo contemplar o que implica para cada centro esa axuda”. Desta maneira sinalan que hai un total de 295 centros que reciben menos de 1 euro por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07 euros por estudante.

Reclaman que se tome a serio a normalización lingüística nas aulas da Galiza

Resaltan que tan só hai dous centros que reciben 20 euros por estudante, mentres que a maioría reciben menos de 3, ficando o promedio en 2,29 euros.

No sindicato consideran imposíbel que se pretenda fomentar o idioma entre a mocidade e o alumnado destinando unha media de dous euros por persoa.

En consecuencia, desde a CIG-Ensino denunciaron esta quinta feira o que cualifican de “nulo interese da Xunta de Galiza polo apoio ao noso idioma”. Ademais, tamén instaron o goberno galego a realizar un “cambio de rumbo radical”, tanto no que ten a ver co financiamento dos programas de fomento da lingua galega como en toda a normativa que desde hai case unha década “porfía en desmantelar o noso idioma, reducindo a súa presenza nos centros educativos e imposibilitando que o alumnado poida rematar a súa escolarización obrigatoria con capacidade para se desenvolver con normalidade na lingua propia do país”, denuncian desde o sindicato.

Reclaman por tanto que se tome a serio a normalización lingüística nas aulas da Galiza xa que “a consideración do noso idioma como unha lingua subordinada a respecto do castelán, presente na propia discriminación legal fomentada pola Xunta, está detrás da perda acelerada de galego falantes entre as crianzas e a mocidade galegas”, e engaden que mediante “axudas tan miserentas como as que se deron a coñecer hoxe, xa sabemos que valor ten para a Xunta o uso do galego nos centros: menos de 300.000€ e pouco máis de 2€ per cápita nos 862 centros que reciben estas axudas”, concluíron.