Denuncian en Inspección “masificación” nos vestiarios do Complexo Hospitalario de Santiago

CHUS, en Compostela [Imaxe: Arquivo].

CIG-Saúde sostén que se incumpre a Guía para prevención de riscos con axentes biolóxicos nos uniformes.

“Vestiarios insuficientes para o persoal, falta de armario, tanto para persoal eventual como fixo, falta de dispensadores de papel secamáns, falta de toallas, de perchas, capacidade excesiva que impide manter as distancias de seguridade, masificación na zona de duchas e colas para facer uso delas ou auga imposible de regular”.

Estas son algunhas das cuestións que se salientan na denuncia que a CIG-Saúde Compostela presentou perante a Inspección de Traballo, a terceira nun mes “pola incapacidade da Xerencia de dar respostas e adecuación de espazos, non agora senón dende o comezo da pandemia”, explican.

No escrito rexistrado esta terza feira sinálanse cuestións como a imposibilidade de manter as distancias de seguridade polo exceso de armarios acumulados nos espazos dos vestiarios, que incumpren “claramente” o protocolo de PRL do Ministerio, onde consta que debe manterse unha distancia de seguridade entre traballadoras/es de 1,5 metros e que as capacidades dos locais deben establecerse respectando as medidas de seguridade.

“Vestiarios insuficientes para o persoal, falta de armario, tanto para persoal eventual como fixo, falta de dispensadores de papel secamáns, falta de toallas, de perchas, capacidade excesiva que impide manter as distancias de seguridade, masificación na zona de duchas e colas para facer uso delas ou auga imposible de regular”

Isto, segundo a CIG-Saúde, ten provocado queixas constantes do persoal que se ve abocado a agardar para facer uso dos vestiarios ou, como no caso do de Urxencias, a utilizar un edificio anexo e non pertencente ao ámbito hospitalario para poder lavarse ao rematar a xornada en zona Covid.

A denuncia recolle os escritos dirixidos tanto ao comité de Seguridade e Saúde, como á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por estas cuestións “sen que, até a data se fixera absolutamente nada”.

Na denuncia tamén se recollen os escritos presentados en relación cos uniformes e a lencería. “A Covid puxo en evidencia non só a importancia de contar con EPIs, senón tamén a importancia de que os uniformes estean deseñados para evitar contaxios. Por iso o persoal solicitou novos modelos de uniformes abertos pola parte dianteira a modo de chaqueta e que se puidera pechar con corchetes”.