Denuncian “importantes retrasos” na vacinación nas residencias e centros de atención á saúde mental na Galiza

Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galiza esixe o cumprimento do plan de vacinación nos recursos de saúde mental

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galiza (Saúde Mental Feafes), afirma estar “preocupada” e “contrariada” por como se formula a  vacinación das persoas con problemas de saúde mental e dos profesionais de atención directa, nomeadamente unidades residenciais, centros de rehabilitación psicosocial e laboral e vivendas protexidas.

“Denunciamos que os dispositivos de atención á saúde mental se atopen aínda no punto de partida do proceso de vacinación”, manifesta nun comunicado esta plataforma “de representación e defensa da cidadanía galega con problemas de saúde mental grave e persistente”, que integra na actualidade 15 asociacións de atención a este colectivo, con centros e servizos en máis de 30 localidades.

Afirman que a vacina non foi administrada aínda en ningunha das unidades residenciais coas que conta a federación, “sendo estes centros prioritarios segundo o Plan de Vacinación da Xunta”. Respecto aos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, indican, a vacina tan só foi administrada ao persoal de atención directa na metade deles. “Non temos constancia, por outra banda, de que as persoas usuarias das vivendas protexidas e os/as profesionais que as atenden vaian ser vacinados como grupo prioritario, polo que estas tamén quedarían fóra das primeiras quendas de vacinación”.

Ante esta situación, Feafes dirixiu unha carta á Directora Xeral de Saúde Pública o pasado 26 de xaneiro e ao Conselleiro de Sanidade o 16 de febreiro. “Ambas foron respostadas, xustificando a demora na vacinación polo retraso na recepción de doses, e sinalando, así mesmo, que a semana do 17 de febreiro comezarían a vacinar ás persoas residentes e traballadoras das nosas residencias”.

Pasados xa varios días dende esa data, indican no comunicado, “non téndose iniciado aínda o proceso de vacinación nas unidades residenciais e estando este incompleto nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, enviamos unha carta ao Presidente da Xunta, D. Alberto Núñez Feixoo, o pasado 26 de febreiro, a cal non foi respostada a día de hoxe”.

Ante iso, esta plataforma quere denunciar “a desprotección que está a sufrir o noso colectivo neste proceso de inmunización, esixindo que as persoas residentes e usuarias dos nosos recursos poidan beneficiarse das medidas de prevención en saúde que lles corresponden neste contexto de pandemia”.

“A realidade é que as nosas son as únicas residencias de Galiza nas que aínda non se vacinaron ás persoas residentes, e nos centros de atención diúrna imos con retraso con respecto a outros recursos análogos”.