Denuncian a falta de reforzos de costa na sanidade durante o verán

Mobilización da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda o 29 de maio. (Foto: Nós Diario)
O verán aviva a mobilidade e multiplica a poboación costeira. Un ano máis, as vilas afectadas non contarán con reforzos específicos para atender as necesidades sanitarias dos doentes desprazados. Sen reforzos de costa, os equipos, minguados, prevén unha elevada sobrecarga de traballo.

Os centros de saúde e os puntos de atención continuada (PAC) das localidades costeiras da Galiza terán que afrontar a época estival "cos recursos habituais, xa minguados pola ausencia de substitucións tanto de medicina de familia como de enfermaría".

Manuel González Moreira, voceiro da CIG-Saúde na área de Vigo, resume así as circunstancias nas que as profesionais sanitarias das zonas con maior tradición turística comezan a atender estes días o incremento de demanda asistencial provocado polo aumento da poboación visitante.

A comarca de Vigo foi das primeiras en denunciar a ausencia de contratación de reforzos de costa, unha figura habitual hai anos en vilas cunha alta concentración de veraneantes para atender a carga de traballo xerada polos pacientes desprazados, agora en decadencia. 

O Servizo Galego de Saúde xustifica a súa desaparición paulatina na "falta de profesionais". "Desde o Sergas insisten en que non hai relevo, que non hai persoas que queira facer esas substitucións", nomeadamente de medicina de familia e de enfermaría, dúas categorías magoadas desde hai tempo por un déficit crónico, advirte González Moreira.

"Na área sanitaria de Vigo formáronse 22 especialistas en medicina familiar e comunitaria mais só quedaron catro para traballar. Por que? Por que non hai enfermeiras dispoñíbeis? Por que escollen outros espazos de traballo probabelmente peor pagados pero con máis estabilidade na contratación?". A chave, aclara, está no "maltrato" do Sergas ao seu persoal e na "falta de cobertura estrutural das necesidades reais" de atención sanitaria.

Precariedade

As profesionais da saúde buscan contratos máis estábeis, de mellor calidade e que ofrezan continuidade. "O persoal médico que acaba a súa formación e accede a un contrato de continuidade do Sergas o que fai é traballar 15 días en cada sitio cando hai necesidades estruturais nos centros de saúde que se poderían cubrir con contratos de longa duración". 

Estas condicións laborais teñen a súa réplica na calidade asistencial. "Nin te consolidas cunha cota de doentes, nin chegas a coñecelos nin creas unha dinámica de traballo adecuada para facer un seguimento continuado. Os profesionais queren dar esa calidade para a que se prepararon, pero os sistema non lles deixa", sinala o portavoz da CIG-Saúde.

A atención podémola cambiar de hora pero a demanda vai seguir aí, e vaise incrementa

Manuel González Moreira sitúa na "precariedade" do exercicio profesional da Atención Primaria a ausencia actual de substitucións e reforzos de costa, frecuentes en zonas do litoral como cangas, Baiona, Val Miñor, A Guarda ou Redondela.

Nalgúns casos a poboación chega a triplicarse. Noutros, o  Ano Xacobeo aviva o tránsito de peregrinos. Diante desta situación, a xerencia da área sanitaria non informou de ningunha medida específica para organizar a atención ante un aumento previsíbel da demanda, que moitos centros de saúde xa comezan a percibir, con cadros de persoal diminuídos polos permisos de vacacións mais a falta de relevos e un incremento das agardas, que nalgúns casos xa superan os 15 días.  

Horario concentrado

Á carencia de recursos algunhas localidades suman remudas nos horarios. É o caso de Cangas. No verán funcionará só en horario de mañá, malia contar cunha carga de traballo importante en horario de tarde. "Concentrarán a atención en horario de mañá pero non cos profesionais necesarios para coidar de toda a poboación", advirte González Moreira. "A atención podémola cambiar de hora pero a demanda vai seguir aí, e vaise incrementar. E vai ser difícil xestionala".

Conquista insuficiente

Calquera urxencia ou necesidade sanitaria vai ser asumida polo PAC, de referencia tamén para a poboación de Moaña, polo que  auguran unha "importante sobrecarga" asistencial.

Tamén no PAC da Guarda, onde contan desde hai tempo cun único equipo de médica, enfermeira e celadora. "Hai anos que se vén reclamando un segundo equipo que o Sergas nega por falta de poboación", explica o médico de Atención Primaria Álvaro Lamas. "A Guarda, O Rosal e Oia non chegan ás 25.000 persoas pero non teñen en conta a dispersión que sitúa a poboacións da serra da Groba a máis dunha hora do hospital de referencia", e iso, incide, pode deixar ese servizo inoperativo durante varias horas.

Lamas recoñece unha presión asistencial elevada na Guarda e na súa contorna. No verán multiplicarase por tres e este ano vana ter que afrontar cun cadro minguado de seis profesionais médicos dos oito que deberan ser, e isto despois de conquistar un reforzo do centro de saúde con tres novos facultativos que permitiu reabrir a atención en horario de tarde, pero aínda "insuficiente".

Satisfacción "con reservas" na Guarda

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda acelerou no mes de abril a denuncia dunha "situación inadmisíbel" no centro de saúde pola falta de cobertura de ausencias prolongadas. Durante varias semanas levaron a conta dos profesionais dispoñíbeis e das consultas realizadas. Chegaron a ser só tres médicos dos oito asignados ao centro.

As protestas lograron reforzar o cadro de persoal, un logro que non lles permite dar por finalizada a súa loita. "En Oia actualmente non hai médicos e no Rosal falta un de tres". Chega o verán e non se anunciaron reforzos para cubrir as vacacións "lexítimas" do persoal e a poboación desprazada. Insisten en reclamar un segundo equipo para o PAC e unha ambulancia medicalizada que reduza o risco dunha poboación maltratada "por vivir zona periférica", recalca Lamas.