Denuncian falta de persoal no operativo contraincendios forestais da Xunta en plena tempada de alto risco

CIG reclama a cobertura de todas as prazas mediante persoal das listas de contratación.

CIG denuncia a falta de medios humanos no operativo de prevención e defensa contra os incendios forestais en pleno período de alto risco e reclama a cobertura de todas as prazas do servizo mediante persoal das listas de contratación.

O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga 2019), aprobado polo Consello da Xunta o pasado 2 de maio, sinalaba que serían 7.000 efectivos para a loita contra o lume, homes e mulleres que pertencen a medios propios da Xunta, Concellos, Ministerio de Medio Ambiente, exército e forzas policiais do Estado.

En canto aos medios propios da administración autonómica -integrados no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF)- ,“dende a CIG temos que denunciar un ano máis a falta de persoal tanto de bombeiros forestais en brigadas como carencia de persoal nos puntos estratéxicos de vixilancia e emisoristas nos distritos”.

No que se refire ás brigadas forestais, a central afirma quehai  bombeiros forestais e condutores de baixa laboral ou con permisos por paternidade ou maternidade, entre outros, “provocando que ditas brigadas en moitos días de traballo no alto risco estean inoperativas, tendo o centro de distrito que ubicar os bombeiros forestais con condutores de autobomba, reducindo a capacidade do dispositivo”.

No ano 2012 había unha rede de 106 puntos de vixilancia fixa na Galiza, dos que as principais tiñan persoal abondo para cubrir as 24 horas no período de máximo risco de incendios forestais. Actualmente, denuncia o sindicato, hai tan só 44 puntos de vixilancia fixa operativos en todo o país, e non están operativos as 24 horas.

"O principal responsábel desta mingua de persoal é que a Consellaría do Medio Rural non cubre baixas, vacacións nin permisos do persoal, polo que atopamos brigadas cun só compoñente e casetas de vixilancia pechadas”, critican. “Estamos a falar da época de risco extremo de incendios forestais, na que a Xunta de Galiza debera pór todos os medios para que o dispositivo do SPIF non mingüe a súa operatividade e efectividade”.