Denuncian a falta de servizos de telecomunicacións no Courel en plena pandemia

Imaxe dun repetidor no Courel. (Foto: Óscar Carrete Lage)

A Asociación Buraca das Grellas critica que, malia a instalación dalgúns repetidores nos últimos tempos, o último temporal deixou incomunicada a aldea de Teixeira hai tres días. Acusa a Movistar de levar para o rural aparatos demasiado sinxelos que “quitan na urbe” pese a que son pagados tamén con fondos públicos.

Polo menos unha aldea do Courel leva tres días sen dispoñibilidade de telecomunicacións, en plena pandemia da Covid-19 e cando moita xente marchou ao rural a teletraballar. Así o denuncia Óscar Carrete Lage, vogal da Asociación Buraca das Grellas, que sinala que a situación soe ser habitual nalgúns núcleos habitados cada vez que hai temporal.

“Da noxo ver como as administracións alardean de que apoian ao rural e ver que a realidade é moi distinta”, sinala o representante desta entidade xuvenil en declaracións a Nós Diario.

Traslada ese sentir porque, malia que xa avisaron o domingo da problemática detectada agora na Teixeira, tres días despois continúan sen “luz, teléfono e internet” polo fallo dun repetidor.

Carrete, que destaca que en menos de tres meses deste ano no Courel xa viviron outra situación similar, acusa á empresa Movistar desta incomunicación por levar repetidores que son “refugallos que quitan na urbe”.

Asegura, desde o coñecemento que lle da o seu posto na asociación, que nos últimos anos o Concello puxo fondos para colaborar coa compañía na mellora das conexións na zona. No entanto, “os repetidores son moi sinxelos e caen a mínima”.

“No Concello non teñen por que saber de telecomunicacións pero si deberían exixir un servizo decente e que as antenas sexan completas e coa última tecnoloxía”, engade.

Aliás, a pesar de contar con diñeiro público, as compañías eléctrica e de telefonía non enviaron ao Consistorio os informes de cobertura que se lles solicitaron. Sen tecnoloxía asegurada e co teletraballo en crecemento e a fuga de persoas á periferia das cidades, a entidade considera que O Courel só pode padecer “máis emigración”.