Denuncian a presunta "falla de coidados" e "desatención" a unha usuaria de 90 anos de DomusVi

A usuaria P.R.B., de 90 anos, foi atendida en Urxencias tras abandonar a residencia (Foto: Vellez Digna).
Segundo indica o colectivo Vellez Digna, a filla da presunta afectada "descubriu o lamentábel estado no que se atopaba a súa nai" cando a recolleu no centro de maiores de Aldán 17 días despois de ingresar, e afirma que desde a residencia, á que chamou "cada dous días", sempre lle dixeran o mesmo: "Atópase moi ben, moi adaptada e sen ningunha incidencia". Porén, a empresa négao.

A Asociación Galega De Familiares e Usuarios De Residencias Vellez Digna vén de denunciar a "falla de coidados" e a "desatención" sufrida por unha usuaria encamada de 90 anos da residencia DomusVi de Aldán (Cangas), uns feitos dos que tivo coñecemento a través dunha membro da organización, a nai da afectada.

"O 5 de febreiro de 2022 dona P.R.B., de 90 anos, persoa encamada e totalmente dependente, ingresou temporalmente na residencia DomusVi de Aldán, coa confianza e o compromiso de que se atenderían todas as súas necesidades durante este período, que foi de 17 días", sinala Vellez Digna, a través dun comunicado.

Durante ese tempo, explica o colectivo, a súa filla mantivo o contacto cada dous días co centro para interesarse polo estado de P.R.B. e a resposta obtida foi sempre a mesma: "Atópase moi ben, moi adaptada e sen ningunha incidencia".

Mais, cando retornou á casa, a filla "descubriu o lamentábel estado no que se atopaba [presuntamente] a súa nai", á que levou "de inmediato" ao servizo de Urxencias de Cangas.

Alí, as e os profesionais sanitarios examinárona e, "ante a sospeita de rotura do pé dereito, que amosaba deformidade e moita dor", atoparon "deformidade no pé, con inversión do mesmo, edema no pé e dor á palpación", así como "rotacións dolorosas de cadeira e ombreiro dereito", segundo figura no parte médico, con data do pasado 21 de febreiro, achegado por Vellez Digna.

"Toda a perna dereita presenta, ademais, un gran hematoma, que está evolucionando a peor e que, segundo o persoal sanitario que segue a súa evolución, semella ser o resultado dun golpe ou caída" do que a residencia non tería informado "en ningún momento", segundo indica o colectivo.

En consecuencia, desde Vellez Digna denunciarán o caso ante a Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia, a Dirección Xeral de Maiores e Personas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, todos eles organismos dependentes da Consellaría de Politica Social.

"É inadmisíbel o grao de desatención e abandono que se produce nas residencias, ante a inacción do servizo de Inspección, que evita sancionar as residencias e colabora na opacidade máis absoluta no tema das denuncias e infraccións", aseguran.

A empresa négao

En resposta a esas acusacións, DomusVi negou tales malos tratos e subliñou que, "en todo momento", o equipo da residencia de Cangas "actuou con profesionalidade, empatía e vocación", á vez que asegurou que "a comunicación coa familia foi constante e unha prioridade".

Segundo explicou a empresa a Europa Press, o pasado 18 de febreiro, nun control rutineiro, o equipo de profesionais detectou "un pequeno hematoma" no xemelgo da muller, que "se lle tratou rapidamente" e ao que se fixo un seguimento durante os días posteriores.

Así, indicou que, durante os días de estadía na residencia, a usuaria estivo "ben atendida polos profesionais, que fixeron os seguimentos e tratamentos médicos pertinentes", segundo os protocolos estabelecidos.

"DomusVi quere deixar constancia de que non houbo ningunha mala praxe durante a estancia da residente, e todo o equipo do centro está ao dispor da familia, así como de calquera autoridade que o requira, para atender calquera consulta respecto diso", concluíu a empresa.