Denuncian na Eurocámara “conivencia política” na Galiza con proxectos daniños ambientalmente

Trece colectivos galegos participaron na delegación, atendendo unha iniciativa da eurodeputada Lidia Senra.

Proxectos eólicos, negocio eléctrico, minas, contaminación de augas e pulo de especies invasoras son algúns dos proxectos en marcha en Galiza que representan ameazas ambientais e de saúde, existindo unha “conivencia política” con eles. É a mensaxe a denuncia que levaron a Bruxelas representantes dos 13 colectivos que responderon á iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica.

 

Logo dun espazo de debate e análise coa eurodeputada Lídia Senra, as representantes das  organizacións desprazadas a Bruxelas mantiveron un encontro con José Manuel Servert, membro do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Mediambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Alí expuxeron o impacto dos diferentes proxectos.

 

Na delegación estaban representantes da Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes.  Leandro del Río, membro desa plataforma, describiu a situación dun territorio "onde se produce a meirande concentración de industrias altamente contaminantes de Galiza". A central térmica de Meirama, a mina de lignito das Encrobas, a subestación eléctrica de Mesón do Vento, minería de superficie vinculada ao seixo, áridos e arcillas, Sogama, o vertedoiro da Areosa ou a ameaza dun futuro megaparque eólico teñen convertido a comarca, dixo, nun "territorio de sacrificio, un territorio enfermo que debe ser curado".

 

Fronte a esta situación de contaminación múltiple, "fomentada pola propia Administración", Del Río pediu aos representantes da CE que se leve adiante "unha investigación que aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos na Galiza foi correcta".