Denuncian ante o Estado que a Xunta "desvía fondos para financiar a Cámara Oficial Mineira"

Entrega das botellas de auga a representantes da Cámara Mineira.
"Este mesmo ano a Cámara Mineira saiu ao paso para defender a mina de San Finx afirmando que non se producía afección ás augas, xusto cando a propia Xunta sancionaba a mina cunha multa de 180.000 euros por vertidos ilegais", indican desde Ecloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción vén de denunciar ante os Ministerios de Educación, por unha parte, e de Traballo e Economía Social, por outra, que a Xunta da Galiza “outorgase arbitrariamente á Cámara Oficial Mineira da Galiza case 200.000 euros dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)”. Se ben a achega é supostamente para realizar “actividades formativas”, desde a organización ecoloxista indican que a organización do lobby mineiro “non ten acreditada a competencia e experiencia docente”.

Galiza, indican, ten transferida a xestión de políticas actividades de emprego, nas cales se inclúe a formación continuada para persoas ocupadas ou desempregadas, o que xustifica a disposición destes fondos específicos. Non obstante, “a normativa estabelece que os fondos PRTR deben ser adxudicados en concorrencia  competitiva e a entidades homologadas que acrediten os certificados para que a formación teña validez”, salientan desde Ecoloxistas en Acción.

Así, segundo manifestan, “as entidades beneficiarias deben constar como centro de formación no rexistro de centros do SEPE e ademais acreditar a competencia e experiencia do persoal docente que imparta a formación e demostrar estar en disposición de instalacións axeitadas”.

"Chiringuitos"

Ecoloxistas en Acción subliña que esta normativa está creada precisamente para asegurar a calidade da formación recibida, evitando o uso de “chiringuitos”, como aconteceu no pasado, algo que precisamente non aconteceu coa Cámara Mineira, que está recibindo directamente fondos fóra dunha convocatoria pública, sen acreditación para realizar actividades formativas e sen estar rexistrada no catálogo de entidades formativas.

Para a organización ecoloxista, isto ilustra o desvío irregular de fondos públicos que no convenio outorgado “a dedo” á Cámara Mineira se adxudiquen 549 euros por participante para unha formación básica e non formal en modalidade de teleformación, cando a orde reguladora estabelece un tope de 315 euros. “Este é o caso máis recente de transferencia de fondos públicos ao organismo do lobby mineiro, que nos últimos anos recibiu máis dun millón de euros para actividades de lavado de cara verde da minaría”, acrecentan.

“Este mesmo ano a Cámara Mineira saiu ao paso para defender a mina de San Finx afirmando que non se producía afección ás augas, xusto cando a propia Xunta sancionaba a mina cunha multa de 180.000 euros por vertidos ilegais. O presidente da Cámara, que tamén é empregado da empresa da mina da Penouta, tamén implicou o organismo na organización de mobilizacións para tentar influír na decisión xudicial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de suspender a actividade da que até entón era a única mina metálica en funcionamento”, aseveran.

“A Xunta está financiando unha entidade que publicita como inocuas e sostíbeis explotacións mineiras que foron sancionadas polas súas graves e continuadas verteduras de residuos mineiros. Por iso instamos á Xunta a anular o convenio subscrito coa Cámara Mineira e non financiar máis a esta entidade”, declaran desde Ecoloxistas en Acción a través dun comunicado.

Tamén reclaman retirar as competencias públicas outorgadas polo Goberno da Xunta a este organismo, incluíndo a xestión do Catastro Mineiro, sendo que “en ningún outro territorio do Estado se privatizou deste xeito a xestión dun rexistro público deste tipo”.