Denuncian escaseza de tests de antíxenos para crianzas na volta ás aulas

Varias nenas e nenos, acompañados de familiares, agardan a entrar nun colexio de Lugo (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
A Xunta prometera un test de balde para cada cativo e cativa de entre 5 e 11 anos de cara ao reinicio do curso escolar.

A presidenta da Federación de Anpas de Centros de Ensino Público de Lugo (Fapacel), Isabel Calvete, denunciou esta terza feira que o colectivo ten recibido queixas porque "non" hai suficientes tests de antíxenos para o alumnado "nas farmacias adheridas ao programa da Xunta".

"Soamente teñen quince tests diarios para repartir nesas farmacias e teñen algún problema", apuntou.

Cómpre lembrar que, con base no novo protocolo de actuación fronte á Covid-19, o Goberno galego anunciara a comezos do presente ano que ofrecería un test de antíxenos de balde a cada crianza de entre 5 e 11 anos.

Baixas de docentes sen cubrir

No tocante ao reinicio do curso escolar após as festas de Nadal, Calvete sinalou que lles está a chegar información "a contagotas" por parte das Anpas que "constata que están a faltar profesores e tamén alumnos".

Con todo, puntualizou que "non son moitos" os casos de contaxiados por Covid entre o persoal académico e o alumnado, á vez que lembrou "o compromiso da Xunta é cubrir as baixas en 48 horas".

"Temos que esperar a ver se entre hoxe e mañá [pola terza e a cuarta feira] están a cubrirse esas baixas coa celeridade prometida", sostivo. Sobre os contaxios de "nenos", destacou que lles constan casos no "IES de Monterroso e no CPI de Cervantes, e tamén nalgún outro centro da montaña de Lugo".

Calvete, porén, aclarou que "non son moitos" os casos, e en canto a profesores "son un ou dous" os contaxiados nalgún dos centros escolares da área de Lugo.