Denuncian dúas novas agresións tránsfobas en Compostela e Vigo

Imaxe da bandeira transexual. (Foto: Europa Press)
A entidade Avante LGBT+ fai públicos dous ataques a dúas compañeiras nas últimas xornadas. En Vigo xa se convocou unha concentración de repulsa en protesta polo ataque a Cristal para esta terza feira, ás 20 horas, fronte ao Museo Marco.

O colectivo Avante LGBT`+ Compostela denunciou esta segunda feira que unha compañeira foi vítima dunha presunta agresión tránsfoba.

Segundo explican, a moza estaba nun banco da Alameda compostelá, como outras veces, cando un home pasou polo lugar varias veces. Segundo explican a través do seu perfil en Twitter, nun momento determinado esa persoa achegouse a Dafnie e “empezouna a tocar”.

Co susto non sabía como reaccionar até que pasaron outras dúas rapazas por diante. “Elas decatáronse de que algo non estaba indo ben”, afirma Avante. Aliás, a vítima lembrou unha sinal internacional de socorro para estes casos, nos que se abre e fecha a man.

“Por sorte, as rapazas déronse conta e chamaron a policía, onde se achegaron e detiveron o individuo”, concreta a agrupación. Se ben Dafnie non padeceu unha agresión máis grave grazas á intervención das mozas, lamentan que as “as agresións ao colectivo e, en especial, ás compañeiras trans non cesan”.

Ante esta situación, e tan só tres días da agresión a Cristal en Vigo, advirten de que non van “ficar quietas”.

Ao respecto deste último ataque, a delegación en Vigo de Avante LGBT+ explicou que tivo lugar o pasado día 9 de decembro ás 10.30 horas, cando Cristal estaba tomando algo nun bar.

Neste caso, e segundo informou Avante LGBT+ Vigo, a vítima foi agredida “verbalmente e fisicamente”, pois o atacante berroulle ao ouvido e bateulle “fortemente coa man aberta na cabeza”.

Malia que unha empregada do local intercedeu e botou ao agresor, pouco despois volveu entrar referíndose á muller de forma agresiva. Segundos despois o home volvía a entrar referíndose a Cristal de maneira agresiva e indo directamente cara ela.

“Todo isto mentres lle pedía explicacións sobre a súa identidade de xénero e a súa orientación sexual”. “Mentres cargaba contra o movemento feminista e o colectivo LGBT+ cualificándonos de seita e deixando, unha vez máis, moi claro o moito que os precisamos”, advertiu o grupo.

De feito, en solidariedade con esta afectada, esta terza feira 14 de decembro terá lugar en Vigo unha concentración ás 20 horas. A cita será fronte ao Marco.