Denuncian cun documental prácticas transfóbicas no Sergas

Mirzam Lokabrenna, no vídeo. (Foto: Avante LGTB+)
Os colectivos Avante LGTB+ e Amizando urxen á fin da discriminación na sanidade pública.

As organizacións Avante LGTB+ e Amizando realizaron un documental no que denuncian actitudes transfóbicas no Sergas, en especial, segundo relatan, durante o comezo e acompañamento do seu proceso de transición médica. Na peza audiovisual, de dez minutos, Hélio Marcial e Mirzam Lokabrenna, integrantes da Asemblea Trans de Avante LGBT+, len os testemuños de persoas trans de toda a Galiza que foron recollidos nos últimos meses.

"Chámome Hélio, levo un ano e medio no meu proceso de transición médica no Hospital Clínico de Santiago e desde o comezo tiven que superar mil obstáculos: fálanme en feminino, fixéronme probas de enfermidades de transmisión sexual sen o meu permiso nin coñecemento, a endocrina fai ameazas veladas de sacarme da lista de espera para a histerectomía e insiste en que demostre que teño as cousas claras a pesar de ter o diagnóstico da disforia desde hai máis de dous anos", recolle o documental.

Preguntas sobre prácticas sexuais para determinar se unha persoa é trans, insultos e pór en dúbida a identidade por non encaixar con estereotipos de xénero como a roupa son outras das prácticas das que advirte.

Mirzam asegura que as probas "alongáronse durante meses entre preguntas incómodas sobre se tiña relacións sexuais con penetración", advirte, "infantilizáronme, tratáronme con condescendencia e negáronse a contestar ás miñas privadas; tiven que acudir á sanidade privada". 

Gabriel denuncia que ao terceiro mes de iniciar o tratamento non tiña receitas de testosterona, "como é posíbel que a profesional tome a decisión de prescribirme receitas insuficientes que me fan parar o tratamento aos dous meses do inicio coas alteracións hormonais que iso supón?". Joel pon de manifesto que "desde o primeiro momento comezaron a facerme preguntas moi estereotipadas sobre a miña infancia e sexualidade, intentando meterme nunha caixa de home trans típico". "Fun presionado para vestir dun xeito máis masculino". 

Eric alerta de preguntas "de forte carácter sexual" que non tiñan a ver "coa miña identidade nin co meu proceso de transición, estando a miña nai diante". "En pouco tempo perdín todo o peito que gañara no primeiro ano", afirma outra das afectadas, "sentíame como se me fixesen unha mastectomía". Outros dos testemuños denuncia a vulneración da protección de datos por parte dunha sexóloga: "Por outros rapaces trans, souben que ía contando a miña vida por aí".

Con este vídeo, as persoas trans reivindican deixar de ser cuestionadas, infantilizadas e invalidadas e piden a fin do sexismo e da transfobia da sanidade pública.