Denuncian dificultades para expedir os certificados Covid: "Nas farmacias din que non teñen ningún asociado á túa tarxeta sanitaria"

Farmacia en Compostela (Foto: Arxina).
A solución que dá o Sergas ante a inoperancia dos servizos electrónicos e os problemas para obtelos nas farmacias é pedir cita co médico de cabeceira no centro de saúde "e agardar a que cho expida el".

Na mañá desta segunda feira, 9 de agosto, un fallo na aplicación Sergas Móbil impediu ás persoas usuarias realizar diferentes xestións como solicitar unha cita médica ou emitir un certificado Covid —de alta, PCR ou vacinación—, nin conectarse a través do sistema de seguridade Chave365.

Esta incidencia sumouse ao colapso que o pasado sábado se produciu na páxina web do Sergas cando debido á alta demanda das 25.000 autocitas para a inmunización de persoas de entre 16 e 22 anos.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública atribuíu este problema á "falta de planificación dos recursos sanitarios, os recortes na Atención Primaria perpetrados pola Xunta desde hai anos e a marxinación da mesma no proceso de vacinación".

Aliás, segundo puido constatar Nós Diario, a cidadanía galega tamén está a ter dificultades para obter os seus certificados alén dos medios electrónicos.

"Vas á farmacia e podes descubrir que non hai ningún certificado asociado á túa tarxeta, algo que a farmacéutica di que lle pasa a moita xente. Logo vas ao centro de saúde e tampouco o atopan, danche cita co médico de cabeceira, mais estes están desbordados. A solución que dan no Sergas é coller cita e agardar un mínimo dunha semana para que te atenda e emita por fin o certificado", denuncia unha testemuña que aínda non logrou obter o seu documento.

Esta mesma persoa lembra que o certificado é preciso para acceder a espazos coma os da hostalaría: "Para entrar nun bar dá igual, agás que esteas traballando e non teñas onde comer, mais e se o precisas para outra cousa...?", cuestiona.

Ela, que reside en Gondomar, afirma coñecer outros casos coma o seu, nun municipio no que "só hai tres médicos" no centro de saúde a día de hoxe, polo que a obtención dos certificados, delegada á Primaria, podería demorarse aínda máis.