Denuncian o despedimento dunha das traballadoras da Escola Infantil Merlín de Ames mentres estaba de baixa médica
A empresa, que segundo denuncia a CIG-Ensino recibe este curso 190.000 euros da Consellaría de Política Social, debíalle ao persoal as nóminas de novembro e decembro. O despedimento desta traballadora, afiliada e candidata da central sindical nacionalista nas eleccións sindicais, é unha “clara represalia por denunciar estes impagamentos”.
A CIG-Ensino vén de denunciar o despedimento dunha traballadora da Escola Infantil Merlín, mentres esta se atopaba en situación de baixa médica por unha “situación complicada de saúde”. Para a central sindical nacionalista, esta decisión, comunicada onte polo empresario Carlos Porto Santoro, “tanto nas formas como o fondo” —o despedimento foi comunicado á delegada sindical, non á traballadora— é “absolutamente rexeitábel”, ademais de que “infrinxe a legalidade e vulnera os dereitos sindicais e laborais”.
Alén das actuacións xudiciais que desde a CIG-Ensino se emprenderán nos próximos días, en canto lle sexa notificado oficialmente o despedimento á traballadora, que aínda é reversíbel, o sindicato vén de convocar unha concentración diante da Escola Infantil Merlín, situada en Ames (comarca de Compostela), a vindeira terza feira, 4 de febreiro, ás 13 horas. Neste sentido, fai un chamamento a toda a comunidade educativa, así como á sociedade de Ames, a participar activamente en repulsa pola actuación do propietario e porque os “danos” da súa actuación “tamén están a sufrilos os nenos e nenas usuarios da escola”.
O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo, sinala que detrás deste despedimento están “as represalias polo último comunicado emitido polo conxunto das traballadoras que denunciaban os impagamentos das nóminas de novembro e decembro”.
Este mes, e “despois de recibir outro tramo da subvención da Consellaría de Política Social e Igualdade de subvención pola gratuidade desta etapa educativa, a empresa fixo efectivo o pagamento dalgunhas das nóminas”. Para Monteagudo, “sorprende a actitude mesquiña e inmoral do empresario que non lle notifica directamente nada á traballadora, que ademais está nunha situación de Incapacidade Temporal por unha situación complexa, e mente na carta de despedimento ao sinalar que o centro ten menos matrícula da que realmente ten a día de hoxe”.
“Seguramente que eses non son os datos que lle trasladou á Xunta da Galiza para recibir a subvención pública —190.000 euros este curso—. Ademais disto, a empresa notifica á traballadora despedida unhas contas que nada teñen que ver coas que se lle entregou á representación sindical e que curiosamente agora inclúen perdas nunha escola que, ademais de estar subvencionada 100%, obtén beneficios por cada neno ou nena polo cátering ou pola utilización de material”, indica o secretario comarcal, quen engade que “unha vez máis é loábel a actitude das traballadoras que seguiron asistindo puntualmente aos seus postos de traballo e actuando con total profesionalidade malia levar perto de dous anos con atrasos e impagamentos e coas relacións totalmente rotas coa Dirección da empresa”.
"Grave deterioración por falta de mantemento"
Para a CIG-Ensino esta situación xa é a que “colmou todas as irregularidades e despropósitos” que afirman se levan producindo nesta escola infantil, “que debe ser intervida xa pola Xunta da Galiza, á vez que se sanciona a actitude neglixente dos seus propietarios”.
A central sindical considera que “non é de recibo” que a Xunta sufrague con partos públicos unha empresa “que leva perto de dous anos incumprindo a normativa laboral, vulnerando dereitos sindicais e outras cuestións de ratios e de mantemento das instalacións que afectan directamente á calidade da atención educativa dos nenos e nenas”. Neste sentido, a CIG-Ensino relata as deficiencias que lle trasladan as traballadoras e “foron transmitidas á Dirección da empresa” para o seu arranxo inmediato: falta de limpeza en xeral, portas que rompen continuamente e con dificultades para abrilas, patio con verdello e en mal estado —o balado incluso a medio caer—, cables á vista, mobiliario sen fixar ás paredes, xoguetes non aptos para a idade 0-3 —pezas demasiado pequenas—, falta de mobiliario de aula —poucas tronas e hamacas, teñen que facer quendas para pór a comer os nenos e nenas en tronas—.
Así pois, a CIG-Ensino apela unha vez máis á Inspección Educativa, á Inspección de Traballo e á Xunta para que tomen medidas para evitar calquera “incidente serio a respecto da integridade física das persoas que empregan a escola” que está a sufrir un “grave deterioración por falta de mantemento”. “Esta empresa agora mesmo susténtase na profesionalidade das súas traballadoras e é unha neglixencia que a Administración mire para outro lado”, sentenza Rubén Monteagudo.