Máis de 900 incidencias en 2017

Denuncian o “desmantelamento encuberto” da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo

FEVE en Ferolterra

A liña ferroviaria entre Ferrol e Ribadeo atravesa unha situación “límite” e “desastrosa” que denota a “total intencionalidade dun desmantelamento encuberto progresivo dos servizos”. É unha denuncia da Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo.

A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo advirte de que a liña se atopa nunha situación “límite”. Do seu “desmantelamento encuberto progresivo” dan conta as máis de 900 incidencias, entre supresións e atrasos de relevancia, que, segundo o colectivo, sufriu o servizo en 2017. De feito, entre novembro e decembro suprimíronse “a diario” servizos por falta de maquinistas e nos últimos días os fallos estruturais implican avarías continuadas que provocan supresións.

 

“Non é comprensíbel que a día de hoxe non exista ningún responsábel da situación en Renfe. Nin pola xestión do persoal, nin pola xestión do parque móbil”, sinala a plataforma, que aposta nunha reforma integral para solucionar definitivamente os problemas de fabricación dos trens.

 

O colectivo tamén denuncia nunha nota de imprensa a “continua desaparición” de interventores e afirma que “Renfe está empeñada na destrución destes postos e a súa substitución por máquinas de pago voluntario, como se ese fose o único traballo que realizan.

 

A Xunta envía á comisión persoal dunha empresa privada

 

A plataforma asegura que “as únicas Administracións que están tendo en conta os protestos das persoas usuarias son os concellos da liña, que conseguiron a creación dunha suposta comisión técnica na que están presentes Renfe e a Xunta”. A posición de Renfe nesta comisión, critican, é “irrespectuosa”. “O papel da Xunta nesta comisión tampouco ten nome, posto que carece de todo interese na mesma, quedando verificado cando envían persoal dunha empresa privada, unha asistencia técnica”, engaden.

 

Aliás, o colectivo acusa Renfe de provocar de maneira deliberada o deficiente funcionamento da liña, “para que a xente se vexa obrigada á abandonala, en moitos casos, sen ningunha alternativa de transporte”.

 

Neste contexto, a plataforma solicitamos que a Xunta “cambie o seu papel totalmente pasota” e lamenta que o Ministerio de Fomento non actúe. “Non sabemos cales son os intereses ocultos en acabar co noso ferrocarril, sabemos que tería un enorme potencial se o parque móbil funcionase debidamente e os horarios fosen razoábeis, dadas as nulas alternativas de transporte”, salientan.