Denuncian o desleixo da Xunta na protección da saúde dos bañistas no encoro das Conchas

Bañistas no encoro das Conchas, no lugar de Mugueimes, Muíños, esta fin de semana.

O nivel de alerta 3 por cianobacterias nas augas do encoro das Conchas aconsella prohibir o baño e as actividades acuáticas en dúas localizacións de Bande e Muíños desde hai semanas. O BNG Celanova-Baixa Limia censura a falta de contundencias das Administracións locais á hora de informar a veciñanza e acusa a Xunta de non comprobar se se cumpren as recomendacións sanitarias.

O BNG Celanova-Baixa Limia denuncia a desidia dos Concellos de Bande e de Muíños á hora de informar a veciñanza da contaminación do encoro das Conchas e do risco que supón para a saúde entrar en contacto coas augas afectadas polas cianobacterias.

Colectivos ecoloxistas levan semanas advertindo do elevado reconto deste microorganismo nas análises realizadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, uns resultados que activan a recomendación de prohibir o baño mais calquera actividade en contacto coa auga contamina.

Porén, asegura a formación nacionalista en Celanova e a Baixa Limia, os Concellos de Bande e Muíños "están a incumprir coa súa obriga de informar suficientemente aos bañistas sobre o risco de utilizar as augas do encoro das Conchas, especialmente nas praias de Porto Quintela e Mugueimes, onde a afluencia de turistas é notábel este mes, cando hai unha alerta sanitaria pola detección de espumas e natas de cianobacterias cunha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde".

Falta de control

Esta última advertencia é recorrente nos últimos tres comunicados emitidos pola Consellaría de Sanidade os días 6, 13 e 20 de agosto, departamento que tampouco "fixo nada por comprobar se se cumpren as súas recomendacións", sinala o BNG.

Neste sentido, apunta que nin sequera velou pola colocación dos carteis que deben advertir os bañistas, "que, por outra banda, vai sen logo que identifique o organismo público que emite esa alerta". Así, precisa tanto nas áreas recreativas de Porto Quintela (Bande) como de Mugueimes (Muíños) "os bañistas están a facer un uso normal das augas sen que ningunha autoridade, nin Xunta nin Concello, o impida, como é a súa obriga para garantir a saúde da poboación".

Neglixencia 

O BNG Celanova-Baixa Limia considera unha neglixencia grave por parte das Administracións ao entender que están a incumprir a normativa galega. Un nivel 3 de alerta pola presenza de cianobacterias nas augas exixe "levar a cabo accións inmediatas para evitar o contacto coas espumas e natas de cianobacterias e/ou coas súas toxinas, polo que as indicacións serán absterse do baño e doutras actividades que impliquen contacto coa auga do encoro".

Desleixo informativo

O Concello de Bande colocou en Porto Quintela o cartel que recomenda Sanidade, "mais nun lugar pouco visíbel, sobre un cartel de ‘Prohibido fumar’ de dimensións moito maiores que o cartel de alerta sobre as augas", moi perto dun lugar máis accesíbel onde "se mantén un cartel que indica que a calidade das augas de baño é excelente", precisa.

No caso do Concello de Muíños, o desleixo e aínda maior, precisa o grupo nacionalista. "Non hai ningún cartel de alerta en Mugueimes. E no punto de información habilitado xunto á zona de acampada e praia, "os propios empregados municipais recoñecen que non hai aviso público ningún á vista dos bañistas, mentres diante deles a xente, familias enteiras, se bañan tranquilamente nas Conchas".  

Presión gandeira

O BNG Celanova-Baixa Limia salienta nun comunicado as consecuencias ambientais dunha década de contaminación provocada pola presión gandeira sobre as augas do Val do Limia, "un efecto que a Xunta tardou case unha década en recoñecer e para o que aínda non arbitrou solución ningunha".

"Cada verán, a saúde das usuarias e o usuarios das Conchas, moitos deles turistas que descoñecen o problema endémico do encoro, ponse en perigo, e invariabelmente a resposta das autoridades é a mesma: facer como se non pasase nada e mirar para outro lado mentres nenas e nenos, familias enteiras, se bañan nesas augas inconscientes do risco", conclúe; polo que urxe as autoridades a pór todos os medios necesarios para informar e vixiar as zonas afectadas co fin de protexer a saúde das persoas.