Denuncian deficiencias na custodia do presunto autor do crime machista en Ourense

O Sindicato Unificado da Policía advirte de que un só axente realiza a vixilancia no hospital onde continúa ingresado o agresor. A xuíza decretou prisión provisional sen fianza á espera de que poda declarar.


O presunto autor do asasinato machista en Ourense non está tan “fortemente custodiado” como informaron as autoridades. Así o denuncia o Sindicato Unificado da Policía (SUP) que alerta do deficiente protocolo de seguridade no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde continúa ingresado o acusado de matar a súa muller este venres.

O sindicato policial manifestou que un só axente custodia ao detido de 75 anos en cada quenda. Se o policía precisa ausentarse por algún motivo, como acudir o servizo, ten que solicitar un reforzo por radio. 

Nese sentido, o SUP advertiu de que a normativa establece "un mínimo de dous efectivos, sempre que a situación non requira máis", para “garantir a custodia do detido, a seguridade dos axentes, do persoal sanitario, dos e das doentes, así como das persoas que as visitas”. 

Recordou ademais que está situación é unha denuncia recorrente nos últimos anos perante “varios episodios de fugas de persoas privadas de liberdade en centros hospitalarios ou reclusos que se quitaron a vida”.

O presunto asasino, en prisión provisional

A xuíza do xulgado de instrución número tres de Ourense decretou pola súa banda prisión provisional e sen fianza para o presunto autor do asasinato machista. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza informou da medida despois de coñecer os informes médicos que apuntan a que o agresor non poderá declarar nos próximos días. O acusado pasará a disposición xudicial cando se recupere das feridas que se provocou após cometer o crime.