Acusan o Goberno galego de "censurar" e "prohibir" protestas contra os recortes nos centros de ensino

Unha manifestación decorrida en Cedeira esta segunda feira contra os recortes no ensino. (Foto: Nós Diario)
A CIG-Ensino exixe o "cesamento das presións por parte da Administración á comunidade educativa" e insta a "manter e incrementar" as mobilizacións.

As protestas en diferentes centros educativos do país están a marcar o inicio dun curso escolar no que o profesorado alerta da falta de medios. Unhas mobilizacións que, segundo vén de denunciar a CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, o Goberno galego estaría intentando acalar.

Antes de se retomar as aulas, afirma a CIG nun comunicado, "a Administración educativa, a través das inspeccións, estaba facendo chamadas á dirección dos centros con ameazas para tratar de paralizar calquera reivindicación".

Unha das concentracións convocadas para esta sexta feira, unha sentada que o alumnado do IES Punta Candieira de Cedeira está a organizar nos recreos, foi finalmente "prohibida" de agora en adiante, segundo o sindicato.

O motivo das protestas, sostén, é a "supresión de profesorado feita pola Consellaría neste centro", uns "recortes", precisa, que supoñen "un prexuízo para o alumnado ao imposibilitar desdobramentos, obrigar a que determinadas materias, mesmo do bacharelato, sexan impartidas como afíns ou ter aulas saturadas".

"O alumnado, como toda a comunidade educativa, está no seu dereito a facer as reclamacións e mobilizacións que consideren oportunas e iso debera tamén formar parte do que é a formación dun espírito crítico", engade.

Na mesma liña, desde CIG-Ensino subliñan que "en democracia ningunha administración está lexitimada para coartar ou impedir por ningún medio a libre expresión ou manifestación da cidadanía", co obxectivo de demandar uns medios e recursos "necesarios para o bo funcionamento dos servizos públicos".

En consecuencia, a central sindical exixe o "cesamento das presións por parte da Administración á comunidade educativa" e que a Consellaría dirixa os seus esforzos a "garantir un ensino público de calidade".

Ao mesmo tempo, convida todos os sectores afectados polos recortes a "manteren e incrementaren as protestas", e advirte que perseguirá "calquera pretensión involucionista por parte da Consellaría".