Denuncian un caso de transfobia nunha clínica psiquiátrica: "A transexualidade vai en contra da bioloxía"

Os feitos aconteceron, segundo denuncia ALAS A Coruña, nunha clínica de saúde mental privada de Ourense (Foto: Microgen).
"Por culpa das feministas, estáselle a dar visibilidade á transexualidade e estase a converter nunha moda", teríalle dito o psiquiatra á denunciante. Segundo explica o colectivo ALAS A Coruña, os feitos foron postos en coñecemento do Colexio de Médicos e a Valedora do Pobo.

A entidade ALAS A Coruña, que forma parte do Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia, vén de notificar a través dun comunicado un suposto caso de "transfobia e machismo" nunha clínica privada de psiquiatría e psicoloxía en Ourense.

A vítima, C.R.S., relata a ALAS a súa experiencia, e conta que durante o mes de febreiro, "logo de levar varios meses lidando coa ansiedade por motivos persoais", decidiu pedir axuda profesional neste centro.

Xa na primeira sesión co psiquiatra, a presunta vítima comezou a falarlle da súa familia e comentou que ten un irmán transexual. Segundo C.R.S., "este comentario provoca un cambio de actitude" no profesional, que "esquece os motivos da consulta e céntrase unicamente na transexualidade do irmán".

"Hai uns anos só había homes que querían converterse en mulleres e era porque sufriran abusos e traumas, a transexualidade é ir en contra da bioloxía", teríalle dito, segundo o relato da vítima, o seu psiquiatra.

Outra das frases que o acusa de ter pronunciado é: "A día de hoxe, por culpa das feministas, estáselle a dar visibilidade á transexualidade e estase a converter nunha moda, porque o número de mulleres que queren converterse en homes é moi elevado".

C.R.S. afirma que, desde ese momento, o psiquiatra non volveu falarlle da ansiedade, polo que optou por abandonar a consulta.

Estes feitos, segundo indica ALAS, foron postos en coñecemento, por parte da propia vítima, do Colexio Oficial de Médicos de Ourense e máis a Valedora do Pobo da Galiza, "a fin de iniciar algunha acción legal que remate co machismo e a transfobia no eido da saúde mental".