Medio Ambiente

Denuncian cunha 'caca' flotante a contaminación do esteiro do Miñor, entre Baiona, Gondomar e Nigrán

A 'caca' flotante colocada no esteiro do río Miñor. (Foto: Raka)
"Os niveis de contaminación obrigaron as autoridades á prohibición da extracción de moluscos para consumo humano", lamenta o colectivo Raka, que lembra que a zona chegou a ser no pasado famosa pola cría de berberechos e cadeluchas.

A asociación 'Colectivo Eco-artística Riquiñas en Acción' (Raka) vén de colocar unha escultura que representa un excremento xigante na desembocadura do río Miñor, entre os municipios de Baiona, Gondomar e Nigrán (comarca de Vigo). O obxectivo desta peculiar acción é denunciar a contaminación na marisma, que "se está a converter nunha cloaca".

Desde a entidade lamentaron que hai anos que as mariscadoras "non aparecen" pola zona, que noutrora chegou a ser famosa pola cría de berberechos e cadeluchas. "Os niveis de contaminación obrigaron as autoridades á prohibición da extracción de moluscos para consumo humano", lembraron, e engadiron que, actualmente, só se pode extraer en determinadas áreas para cebo.

Por iso, coincidindo co 50º aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente, esta segunda feira instalaron unha 'caca' de grandes dimensións nas inmediacións da ponte da Ramallosa, punto de encontro de tres municipios do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar), a fin de pór en evidencia o estado actual deste espazo natural.

Raka precisou que un dos focos de contaminación que afecta o esteiro xa foi recoñecido pola Unión Europea e é o que se sitúa na estación depuradora de Gondomar, cuxa capacidade non pode tratar todo o caudal de augas fecais e pluviais que recibe, o que provoca desbordamentos que acaban no esteiro e mesmo no mar.

No caso de Baiona, "sobre todo no verán, chama a atención" un regacho que verte á marisma fronte a un supermercado de Sabarís "e o cheiro insoportábel a augas fecais na zona de Santa Marta". Mentres, en Nigrán tamén hai pequenos regachos que verten desde o paseo da Ramallosa e a zona da ponte, unha situación que "empeora no verán cando a poboación do Val Miñor chega a triplicarse".

A escultura para denunciar estes feitos está fabricada "en 99% con materiais biodegradábeis" e foi deseñada "por diferentes artistas que buscan a reflexión e a complicidade da cidadanía a través destas accións".

"Esta obra é unha chamada de atención aos nosos gobernantes, unha forma de facerlles ver as nosas preocupacións a través da arte. É necesario que tomen partido e busquen unha solución conxunta e responsábel", advertiu Raka, que subliñou que aínda se está "a tempo" de recuperar o esteiro, mais "hai que facelo xa".