Alianza Rural Galega denuncia a “barra libre” ao “lobby pasteiro-enerxético” para instalar incineradoras

central de biomasa

Advirte que o binomio megaplantas de xeración-cultivos enerxéticos, depara un futuro negro para o rural galego.

As pretensións de instalar en Pontevedra unha planta de biomasa forestal de 40 MW por parte de Ence non convence en absoluto a Alianza Rural Galega, integrada por Adega, CIG, Fruga e Organización galega de comunidades de montes en man común. ARG considera que as idas e vidas da pasteira coa ubicación este proxecto (“hoxe que en Pontevedra, mañá que non,  pasado volta que si…”) responden a unha estratexia. En todo caso, precisan, unha central de tal potencia non se pode manter só con biomasa forestal residual, vai precisar de cultivos enerxéticos, nomeadamente eucaliptos, para cortalos en quendas de 5/8 anos. “A Universidade de Vigo ten calculado que para obter 50MW de electricidade con biomasa precisaríanse anualmente medio millón de toneladas de madeira, o que en superficie equivale a entre 7.000 e 10.000 hectáreas de cortas”.

A Alianza afirma que a presión de ENCE xa logrou que o Partido Popular derrogara recentemente o decreto de aproveitamento da biomasa forestal do 2008”. Este decreto vetaba as grandes plantas de biomasa, xa que as centrais non podían exceder de 10MW de potencia, ordenando e limitando o número de instalacións a 10 para non criar un “efecto chamada”. Derrogado este decreto, sosteñen, “o lobby pasteiro-enerxético ten xa barra libre para instalar as incineradoras onde queira, como queira e cantas queiran”.

Esta plataforma considera que as empresas enerxéticas, “con ENCE á fronte”, precisan terras para as inzar de cultivos enerxéticos. Por iso pousan os ollos nos montes veciñais en man común e nas terras agrarias que se están a abandonar, en boa medida pola crise de prezos no leite. Denuncian que a Xunta prepara unha lexislación para favorecer o acceso a esas terras das grandes empresas forestais.

Por último, a Alianza Rural Galega afirma que “o binomio megaplantas de xeración-cultivos enerxéticos”, depara un futuro negro para o rural galego. “A multifuncionalidade e a sustentabilidade do monte e do territorio son elementos básicos para garantir o futuro dun mundo rural galego  poboado e vivo”, conclúen.