Denuncian atrancos para visitar as usuarias de residencias

Residencia de Maiores de Quiroga
A Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, REDE, denuncia o incumprimento das normativas sobre visitas e saídas nas residencias galegas.
 

“As residencias de maiores están a vulnerar por completo os dereitos das usuarias e das súas familias ao incumprir coas normativas de visitas e saídas das residentes”, indica a este medio en conversación telefónica o presidente de REDE, Paulino Campos. 

Actualmente existen tres normativas en vigor que regulan as visitas e saídas nas residencias galegas. Porén, segundo Campos "tanto as residencias públicas como as privadas violan". En virtude da normativa, as usuarias e usuarios teñen dereito a tres visitas por semana, que se realizarán como moito por dúas persoas de referencia e durarán, no máximo, unha hora cada unha. 

Ademais, poderán facerse dúas saídas á semana de dúas horas e tamén con dúas familiares, como moito. Nos casos daquelas usuarias que teñan un gran deterioro cognitivo –un dos parámetros que se teñen en conta para isto é se a residente pode desenvolverse ou non co teléfono ela soa–, unha persoa poderá visitala diariamente durante 30 ou 60 minutos. “En REDE podemos afirmar que o 100% das residencias incumpren esta última normativa”, asevera o seu presidente, que  destaca os incumprimentos das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados, terceira maior operadora do país, que actualmente xestiona 15 residencias galegas. 

"Nestes momentos, a maior parte das súas residencias están fechadas ás visitas de quinta feira a domingo, mais ninguén lles dixo nada", informa a Nós Diario Campos, que culpa a Administración galega de non facer cumprir as normativas. 

As dificultades para visitar usuarias e usuarios de residencias poden exemplificarse co caso de Conchita Balado, unha veciña de 60 anos da cidade de Vigo que viaxa preto de 200 quilómetros para poder ver a súa nai, de 93 anos, que reside nunha praza pública do centro de maiores de Quiroga, durante 30 minutos.

Acompañada das súas dúas irmás e do seu sobriño, descobre, á chegada, que só unha delas pode entrar na residencia para vela. Ante a petición das visitantes, a Xerencia da Fundación Valdegodos, responsábel da concesión das instalacións públicas desta residencia, realiza "o esforzo" de permitir que outra irmá poida entrar, sen facerlles saber que teñen dereito a unha saída coa súa familiar de até dúas horas de duración. "O máis duro de tela tan lonxe é que o meu irmán, que viviu con ela durante 60 anos, quizais non poida volver vela porque a súa saúde non lle permite viaxar”, conta Balado en declaracións a Nós Diario

Ante as preguntas deste xornal, a Xerencia da Residencia de Maiores de Quiroga desbotou facer declaracións.

Sen EPI nin FFP2

Pola súa banda, a Asociación de Traballadoras de Residencias da Galiza, Tegra, denunciou esta terza feira, 6 de abril, que as profesionais seguen a realizar as tarefas diarias con máscara cirúrxica porque as empresas non facilitan as FFP2. Ademais, sinala que non todas as usuarias nin traballadoras están vacinadas e que non todas dispoñen de EPI para protexerse.