Denuncian un ataque homófobo contra un mozo en Viveiro

Mobilización contra os ataques ao colectvio LGTB+
A plataforma Avante fixo público nas últimas horas o ataque homófobo do que foi vítima na noite do pasado sábado un mozo de Viveiro á saída dun pub desta localidade. Tal e como se fixo constar na denuncia, a agresión física, na que interviñeron varios rapaces menores de idade, foi precedida de insultos alusivos á másculinidade da vítima.

O ataque, polo que o agredido tivo que recibir atención médica por golpes na cara e no pescozo, súmase ao que sufriron este mesmo mes dúas rapazas menores de idade a mans nun parque de Carballo, tamén a mans dun grupo de menores. 

No caso ocorrido esta fin de semana en Viveiro, e segundo informan desde a organización de defensa dos dereitos LGTB, os agresores increparon a súa vítima con insultos homófobos, que se converteron en ataque físico cando o mozo lles pediu que o deixasen tranquilo.

«Tirárono ao chan e lanzáronlle patadas na cara e no pescozo, que o deixaron case sen poder falar», sinalan desde a coordinadora de Avante LGTB, entidade que contactou co rapaz ao coñecer os feitos a través das redes sociais. Segundo fan notar desde esta plataforma, o denunciante non ten dúbidas ao vincular os feitos coa súa condición sexual, á vista dos insultos que recibiu no primeiro momento e de experiencias previas coa contorna dos atacantes.  

Os agresores increparon a súa vítima con insultos homófobos, que se converteron en ataque físico cando o mozo lles pediu que o deixasen tranquilo

 «Amosamos o noso máis firme reixeitamento a este tipo de actos, que atentan contra as nosas vidas, así como contra a incompetencia institucional que nos deixa sen amparo. Sabemos que a intención dos agresores é manternos caladas e asustadas, por iso nos posicionamos publicamente e sen medo», manifestan desde Avante LGTB.

Tratamento no centro hospitalario

A entidade tamén é crítica co tratamento que se lle proporcionou ao mozo no centro hospitalario. «No centro de saúde, o médico que o recoñeceu case nin o explorou, non atendeu as súas feridas e non as recolleu no parte de lesións, de maneira que lle permitise poñer a denuncia, polo que tivo que repetir o proceso despois de ir denunciar», recolle o seu comunicado. 

Segundo indican membros da coordinadora da asociación, foron os propios axentes policiais que lle tomaron declaración ao agredido para formalizar a denuncia os que o emprazaron a volver ao centro médico para solicitar un parte máis detallado das feridas, posto que o primeiro unicamente indicaba que os golpes eran «acordes» coa situación relatada polo doente.

Entidades como a Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ –unha plataforma formada por educadoras, educadores e docentes de 98 centros de ensino do sistema educativo galego– veñen solicitando a ampliación e mellora da Lei LGTB galega, e reivindicando a necesidade de formación «obrigatoria, real e efectiva en diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar de toda a sociedade, especialmente no sistema educativo, para erradicar toda conduta discriminatoria e violenta».

Hai poucas semanas, a Rede denunciaba tamén a campaña lgtbifóbica da asociación Hazte Oír en centros educativos de todo o estado, por atentar «contra os dereitos fundamentais das persoas, o dereito á educación e a liberdade do ensino e fomenta o odio cara ás persoas e familias LBGTIQ+»