Denuncian "artificio contábel" da Xunta para non contratar docentes

A contratación dos programas de reforzo queda fóra do Fondo Covid, segundo o ministerio. (Europa Press)
A reunión da Mesa Docente do Estado destapou, segundo denuncia a CIG, as "mentiras" da Xunta sobre a contratación de persoal docente e revelou que se non se reforzan etapas como Infantil e Primaria para baixar ratios é por "falta de vontade". 

A reunión da Mesa Docente do Estado, a primeira que ten lugar desde maio serviu esta segunda feira aos sindicatos do ensino para reclamar novos fondos e recursos para a educación galega e máis e mellor cobertura para as familias e o alumnado máis vulnerábeis e para o profesorado de risco na pandemia.

Tamén, segundo advirte a CIG –o sindicato maioritario no ensino galego, presente na Mesa– para "desmontar as mentiras da Xunta a respecto dos reforzos docentes" e facer decaer os seus argumentos para xustificar as "decisións restritivas á hora de autorizar desdobres de aulas, a negativa a ampliar a contratación do profesorado e persoal non docente ou a insuficiencia das medidas de protección sanitaria".

Nas últimas semanas, o Goberno galego anunciou a contratación de 847 docentes para Secundaria, precisos para afrontar os desdobres derivados da necesidade de ampliar o distanciamento nas aulas e, para iso, reducir o número de alumnos e alumnas. 

A eles, a Xunta sumaba 240 mestres de Infantil e Primaria, contratados para cumprir coas ratios máximas legais nesas etapas educativas, e que como alertaron as organizacións sindicais é unha medida que se realiza todos os anos e non un reforzo derivado da pandemia.

Desta maneira,  baixo a fórmula das "aulas burbulla" sen distanciamento e con 25 menores por aula, eludíanse os desdobres en Infantil e Primaria. 

Programas de reforzo

Ademais, para este curso, a Xunta anunciou a contratación  de 543 profesoras e profesores a media xornada para  programas de reforzo educativo –Proa+ e ARCO–, para os que onte o novo conselleiro, Román Rodríguez, anunciou 410 novas contratacións.

Como denuncia a CIG, todo este persoal "vendeuse" desde a Xunta como parte  do "esforzo" que se está a facer para afrontar as condicións que impón a pandemia no sistema educativo. Porén, a información trasladada onte por parte do secretario técnico do Ministerio de Educación desarma, a ollos do sindicato, toda esta argumentación.

"Estes contratos programa, que se veñen desenvolvendo desde o ano 2014, teñen unha finalidade clara que non ten nada a ver coa situación da pandemia, senón coa insuficiencia dos cadros de persoal para afrontar o fracaso escolar e dotar de máis docentes para os reforzos necesarios ao alumnado que así o precisa", detalla  a central. 

Pero ademais, segundo se trasladou na xuntanza, os programas de reforzo e as súas contratacións "non poden computar dentro do fondo Covid", que destina a Galiza un total de 93 millóns para afrontar a nova situación sanitaria.

"Eses 93 millóns, destinados a persoal docente e en cómputo de curso completo, darían para uns 2.325 contratos. As contas dan un déficit de contratación máis que evidente", fai notar o sindicato nacionalista, que apunta tamén que os convenios do Goberno español cos territorios para a adquisición de material informático –como o que anunciou a Xunta a semana pasada– e tampouco entran no Fondo Covid.

"Quedaron ao descuberto todas as mentiras da Consellaría no seu 'artificio contábel' á hora de vender contratacións e ponse de manifesto que a Xunta non incrementou o persoal docente, nin autorizou os desdobres en Infantil, Primaria e Educación Especial porque non quixo", pon de relevo o sindicato.