Denuncian unha agresión tránsfoba no festival 'O Son do Camiño'

Concerto de Rozalén no 'Son do Camiño', o pasado 14 de xullo. (Foto: Arxina).
Os colectivos Amizando, Avante LGTB+, ALAS e Agrocuir da Ulloa mais o sindicato CIG darán traslado dos feitos ao Observatorio LGTBI da Xunta da Galiza para que abra unha investigación.

A CIG, Amizando, Avante LGBT+, ALAS e o Colectivo Agrocuir da Ulloa veñen de denunciar unha agresión capacitista e tránsfoba por parte do persoal de seguridade da empresa Menkepeer durante o festival 'O Son do Camiño', contra Eirin, persoa trans non binaria contratada por Impulso Social, que tamén se desentendeu deste suceso.

Os feitos tiveron lugar o pasado día 17 de xullo. Segundo denuncia o sindicato nacionalista nun comunicado, un membro da equipa de seguridade privada do evento ordenou "nun ton agresivo e hostil" ao persoal contratado por Impulso Social que desenvolvese tarefas que non eran do seu cometido, "aproveitando que se trataba de persoas con diversidade funcional e ante as que este traballador se posicionou en todo momento como superior".

Abuso de poder

A vítima da agresión subliña, ademais,"que o vixiante exhibía unha máscara coa infografía dun corpo de seguridade do Estado, do cal evidentemente non é parte". E todo isto, engade, nun contexto de abuso de poder e hostilidade co que "este membro de seguridade de Menkeeper pretendía ter man de obra gratuíta para a súa empresa, tomando a vantaxe de tratar con persoas con diversidade funcional, dándelle instrucións de incorporarse a outro posto de traballo desconexo totalmente do propio, aproveitando a súa posición, por el considerada como indiscutíbel e dunha intolerancia suprema".

O labor de Eirin no festival consistía en informar as persoas asistentes ao festival do bo uso da máscara, preparación de entradas e mantemento da distancia de seguridade. Así llo trasladou  ao persoal de seguridade, o que derivou nunha discusión que "foi medrando en hostilidade e violencia, a medida que Eirin intentaba manter unha actitude conciliadora para poder auxiliar ao resto de compañeires, amedrentades polo comportamento intolerábel e agresivo do vixiante".

Linguaxe neutra

Segundo trasladan os colectivos denunciantes, "ao comprobar que Eirin empregaba termos neutros, que non respondía ao xénero feminino na súa interpelación, ao ver que levaba unha pulseira de tea coa bandeira trans no seu pulso e que en xeral non respondía a uns patrón de expresión de xénero que dende logo concordasen co que o vixiante podía considerar como respectábel, comeza o agravio".

O vixiante alzou a súa voz e comezou a berrarlle diante do resto de persoas que estaban na porta de acceso, "dunha maneira completamente desmedida, cun ton agresivo e totalmente fóra de lugar".

Comentarios malsoantes e desprezativos

"Que te calles la boca", "aquí vas a hacer lo que yo te digo", "coges la puta maquinita y te callas", "me da igual de donde vengas aquí mando yo", "me la suda quien cojones seas", "no me toques los huevos, vas a hacer lo que me de la puta gana".

Tras reclamar a presenza do responsábel xeral de seguridade, quen se presentou foi un dos coordinadores da empresa contratante, que se limitou a pedirlle desculpas polo acontecido.

Eirin precisou atención hospitalaria e segue a tratamento polo acontecido, confirman as organizacións denunciantes da agresión. "É unha manifestación de transfobia, que tanto pode manifestarse de formas máis sutís (complicidade, minimizar o impacto da agresión) como doutras claramente discriminatorias, frontais e evidentes para o conxunto de todes (agresión verbal, abuso de poder e encubrimento do respónsabel do acontecido polo único membro da súa empresa presente no momento)", aseguran.

Transfobia

Neste sentido, lembran, a transfobia é "o conxunto de actitudes e comportamentos que xeran unha discriminación social cara as persoas trans e non binarias, condicionada por un sistema de opresión sustentado na cisnorma e na dicotomía sexo/xénero, que non só se refire a actitudes individuais, xa que constitúe tamén un sistema de marxinalización cara a poboación trans e con xénero disidente nos campos médicos, legais, educativos e laborais".

Pode adoptar diferentes formas e conduce á marxinalidade, á discriminación social e económica mais á patoloxización de quen a sofre.

Por este motivo, Avante LGBT+ e a CIG, trasladaran ao Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero estes feitos, solicitando unha actuación do organismo.

A empresa restrinxe a un ton "non correcto" o incidente

Após transcender esta denuncia, fontes da empresa negaron ao "100% que se tratase dunha agresión transfoba" e, en todo caso, afirmaron, as traballadores e traballadoras descoñecían esa condición da persoa que denunciou estes feitos.

Neste sentido, vinculan a situación a un ton "non correcto" do vixilante -"que pertence a outra empresa" e que "foi pedirlle perdón" á moza- nun momento de 'tensión' no traballo. En consecuencia, aseguran que a persoa afectada estivo acompañada por "un educador social máis de dúas horas mais non pediu asistencia médica".

Respecto da máscara das forzas de seguridade públicas que levaba o vixilante, aclaran que "é de vixilante de seguridade e leva bordada a bandeira de España" e puido haber unha confusión. Igualmente rexeitan as acusacións de procurar "man de obra gratuíta" porque, afirman,  Impulso Social e Menkeeper son do mesmo grupo, "pediuse un reforzo puntual coas entradas" e a afectada cobrou todo o seu salario, sinalan.