Denuncian unha agresión homófoba en Ourense a un músico valenciano

Os integrantes da banda de música agredida en Ourense, Amor. (Foto: Amor).

O grupo valenciano Amor asegura que a un dos seus membros rompéronlle o nariz e deixárono inconsciente ao berro de "puto maricón".

O grupo valenciano de  hardcore punk Amor denunciou nas súas redes sociais a agresión homófoba sufrida por un dos seus integrantes, ao que, aseguran, rompéronlle o nariz e deixaron inconsciente a pasada sexta feira en Ourense.

Segundo relataron, tras participar no evento Baixo Terra, os integrantes tomaban algo nun local da cidade cuns amigos cando algúns deles decidiron saír para tomar o aire.

Nese momento, un home comezou a increpar a un dos membros da banda pola súa vestimenta e maquillaxe, preguntándolle se ía disfrazado e, "de forma despectiva", se era un "puto maricón".

A continuación, lanzoulle un par de puñadas e unha patada que lle romperon o nariz e deixárono inconsciente, segundo contan.

"Queremos denunciar publicamente o ocorrido. Somos un grupo de hardcore punk que trata de posicionarse de forma autocrítica contra todo tipo de opresión desde todas as estruturas de poder", defenderon nas súas redes, onde destacaron ademais que están "felices a pesar de todo o ocorrido e con gañas de seguir".

Reaccións políticas

A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE de Ourense condenou "contundentemente" a agresión homófoba.

Os socialistas ourensáns criticaron tamén o "silencio" do grupo de Goberno local, tanto de Democracia Ourensana como do Partido Popular "ante a gravidade dos feitos".

"Unha actitude impropia dun goberno do século XXI que só favorece o retroceso democrático", aseguran. Consideran así "inadmisíbel" que o Goberno "se manteña á marxe".