Denuncian a acumulación de pacientes no corredor do CHUS

A doutora Fátima Nercellas e o presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, Fernando Abraldes. (Foto: Nós Diario)
Usuarios e médicas alertan da falta de persoal e do feche de camas

O sindicato médico O’Mega acaba de presentar ante a Inspección de Traballo da Coruña unha denuncia pola “acumulación de pacientes” no corredor de entrada do servizo de Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Nós Diario conversa con Fátima Nercellas e Fernando Abraldes para coñecer a problemática.

A delegada de Prevención do sindicato na área sanitaria de Santiago-Barbanza e encargada de presentar a denuncia, Fátima Nercellas, sostén que a situación que vive o servizo de urxencias do CHUS é “crónica”. “Debe ser a sexta denuncia que poñemos na Inspección de traballo e a todas se lles fixo un requirimento demandando que se deixen libres de obstáculos as vías de tránsito e de evacuación, como os corredores”, explica Nercellas, que sinala que, no caso de que se elabore outro a raíz desta denuncia, “non sabemos se a xerencia fará como cos anteriores: ignoralo”.

A doutora responsabiliza a xerencia do CHUS da situación “aberrante” que viven en urxencias. “A pasada terza feira chegaron a acumularse 49 pacientes pendentes de ingreso, e a decisión foi abrir outro corredor para colocalos mentres non subían ás plantas”, indica Nercellas. Ante esta situación, “as nove persoas que estabamos traballando pedimos unha reunión coa xerencia para deixar claro que os corredores non son espazos de traballo”.

Sen camas

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, explica que “os e as pacientes non atopamos solución nin nos PAC nin na Atención Primaria, polo que imos a urxencias”. Porén, en urxencias “non son capaces” de adaptar as camas no momento no que os facultativos o requiren e, en consecuencia, as zonas de traballo están sempre ocupadas con pacientes que deberían estar en planta. “Urxencias convértese nunha especie de aparcamento de pacientes porque non se habilitan as camas”, engade.

Nesta liña, Abraldes sostén que 52% dos ingresos que se producen no CHUS veñen por urxencias; “é unha tendencia que se mantén desde hai anos”. “Se coñecen esta circunstancia, é obvio que deberían ter as camas necesarias en funcionamento e co persoal asignado” porque existe esa demanda, “pero non se fai”. Pola contra, o que se decidiu foi ampliar a sala de observación “case no dobre” para acumularen nela os pacientes durante máis de tres días en vez do límite de 24 horas que fixan os protocolos.

“O sistema está nunha situación crítica que estamos a pagar os pacientes porque vemos como non se nos atende adecuadamente e como se violentan os nosos dereitos fundamentais, en concreto o da intimidade e dignidade persoal. Non se pode ter unha persoa grave nun corredor”, asegura Abraldes. Esta situación tamén prexudica o persoal sanitario que traballa nunha situación de estrés. Segundo datos da asociación, Abraldes denuncia que, nestes momentos, o persoal de urxencias ten asignados até 18 pacientes por facultativo, cando a recomendación do Ministerio de Sanidade é que non pasen de 14. “Isto provoca unha caída da calidade asistencial”, sostén.

Esta situación viuse agravada polos traslados ao CHUS de pacientes do Barbanza onde, explica Nercellas, “tiveron que fechar 30 camas de medicina interna por falta de persoal”. Así, reivindica que se abran as plantas fechadas e que se contrate persoal sanitario para atendelas.