Denuncian a presenza de vacas mortas nun regato perto da captación da traída de augas de Boiro

Unha das vacas no regato de Boiro (Foto: Arco Iris)
Arco Iris denunciou nun comunicado que un gandeiro lanzou ao rego polo menos tres vacas mortas e que un dos animais aínda permanece alí.

A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou esta sexta feira a presenza de varias reses mortas, lanzadas nun afluente do río Coroño, augas arriba do punto de captación de auga para consumo da traída de Boiro (O Barbanza).

Arco Iris denunciou nun comunicado que un gandeiro lanzou ao regato polo menos tres vacas mortas e que un dos animais aínda permanece alí, en avanzado estado de descomposición. Así mesmo, asegurou que ese gandeiro ten antecedentes "por malos tratos animais".

Segundo explicou a asociación, as vacas desta explotación atópanse en réxime de semiliberdade, pero todas estaban identificadas cos seus correspondentes crotais. Arco Iris puxo os feitos en coñecemento do Concello de Boiro e do Seprona, aínda que lamentaron que non se tomaron medidas.

Así, lembraron que existen uns protocolos para a retirada e xestión dos restos animais, e advertiron dos "evidentes riscos para a saúde pública" pola presenza destes animais mortos preto do punto de captación de auga que despois é consumida.

Por iso, exixiron á Consellaría do Medio Rural e á Mesa de Coordinación e Control da Cadea Alimentaria da Galiza a apertura do correspondente expediente informativo, "a imposición das máximas sancións" a que houbese lugar e a inmediata retirada das vacas do curso fluvial afectado.

Finalmente, Arco Iris criticou a "asombrosa pasividade" tanto de Seprona como do Concello, "coñecedores deste espectáculo terceiromundista e que non fixeron nada para liquidalo".

Propietario identificado

Nunha resposta, a Xunta da Galiza sinalou que ten constancia deste episodio desde esta mesma sexta feira tras recibir unha comunicación oficial da Oficina Rural de Padrón. Agora, trata de localizar o propietario da res, que xa foi identificado pero co que aínda non puido contactar, para que asuma a retirada do animal.

Ademais, a Consellaría do Medio Rural sinala que está en contacto co Concello de Boiro para "solucionar o problema", tanto na localización do propietario como na xestión da recollida do cadáver a través dunha empresa autorizada.