Denuncian a Xunta por autorizar na cementeira Cosmos "outra Sogama"

A asociación ecoloxista Adega informou de que Feijóo autorizou queimas de lamas de depuradora en 2010, de restos de carros vellos e residuos industriais en 2011 e de rodas en 2012

A Xunta de Galiza autorizou a cementeira Cosmos para queimar lamas de depuradora --maio de 2010--, restos de carros vellos e residuos industriais e urbanos --xullo de 2011-- e, máis recentemente, rodas --maio de 2012--.

Así o recoll

e a documentación que a propia empresa presentou para renovar a Autorización ambiental integrada, segundo constatou a asociación Adega, quen acusou o goberno de Núñez Feijóo de facer no Oural "outra Sogama". 

Para alén dos permisos concedidos para as queimas, denuncia o colectivo ecoloxista que a Secretaría xeral de calidade e avaliación ambiental considerou "modificacións non substanciais" que nunha cementeira se queimen materiais contaminantes co obxectivo de eludir unha normativa, a directiva IPPC, que somete a autorización as actividades industriais e agrícolas que presentan "un elevado potencial de contaminación".

Con todo, cómpre sinalar tamén que a Xunta desouviu a sentenza do Tribunal superior de xustiza de Galiza en que se declarou ilegal a queima de pneumáticos en Cosmos por considerala unha práctica "insalubre, molesta, nociva e perigosa".

Por todo o anterior, Adega presentou unha serie de alegacións en contra de anovar a Autorización ambiental que se poden consultar nesta ligazón, e solicitaron tamén que as resolucións en que se falaba de "modificacións non substanciais" sexan revogadas, paralizando "de xeito inmediato" tal actividade. A finais de maio, a veciñanza de Triacastela denunciou a ocupación ilegal do monte comunal por parte da cementeira, situada no lugar de Oural e que alega dispor do monte en virtude dun decreto de expropiación asinado nos anos da ditadura