Denunciados unha ducia de barcos pesqueiros galegos por non levar a bandeira española

Imaxe de arquivo dun barco saíndo do porto de Celeiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Un real decreto estabelece a obriga de portar a bordo como “único pavillón” a bandeira española.

Unha ducia de barcos pesqueiros e auxiliares de pesca e oito embarcacións de recreo foron obxecto de denuncias por parte da Garda Civil por non levarenarborada a bandeira española. Así figura nunha resposta por escrito no Congreso a unha pregunta formulada polo BNG e que recolle datos de 2020,ano do confinamento..

Na mencionada resposta infórmase que na Comandancia da Coruña levantáronse catro actas-denuncia nas que se atopan implicadas tres embarcacións da Lista 3ª (buques dedicados á pesca profesional) e unha da Lista 4ª.

(embarcacións auxiliares de pesca). Na Comandancia de Pontevedra realizáronse dúas denuncias, ambas as dúas a embarcacións da Lista 7ª (embarcacións de calquera tipo, de eslora superior a 2,5 m, cuxo uso exclusivo sexa a práctica do deporte ou recreo), e na Comandancia de Lugo, leváronse a cabo catorce denuncias, oito a embarcacións da Lista 3ª e seis a embarcacións da Lista 7ª.

O uso da bandeira de España e doutras enseñas a bordo de navíos no Estado está regulada polo Real Decreto 2335/1980, do 10 de outubro. Unha norma que contén tres puntos máis que clarificadores: calquera barco, sen importar do tipo que for, enarbolará como “único pavillón” a bandeira española. Que, ademais, deberá ondear no pao de popa e o cumio do pao máis alto da embarcación.

Este RD deixa ben claro que non se poderá izar ningunha outra bandeira se non o está a española. E sempre que as dimensións desas bandeiras non superen o terzo da área da enseña española.

Pódese izar a bandeira galega? Pódese, indica esta lexislación, igual que calquera bandeira recoñecidas nos estatuos de autonomía. Pódense izar en portos nacionais e augas interiores, iso si, sempre que estea ondeando a española e a galega non supere 1/3 do tamaño desta.

Multas na Ría de Arousa e Armada en Catalunya

En xullo de 2013 no Sermos Galiza informaba das queixas e denuncias de mariñeiros sobre as advertencias de multas e expedientes incoados a pequenas embarcacións de baixura da Ría de Arousa por non levar a bandeira española. En marzo de 2015 dúas embarcacións de pesca de baixura e dedicadas ás artes menores da Coruña foron sancionadas por non levar bandeira española.

En 2017, un pesqueiro da Coruña era multado con 100 euros por levar izada unha bandeira galega de igual tamaño cá española. O patrón do ‘Cabo de Hornos II’ expoñíase a unha sanción de até 120.000 euro, que era a cantidade que se lle pedía no expediente sancionador aberto pola Capitanía Marítima de Santander.