Para que a policía rexistrase o maleteiro do seu vehículo

Denunciado un membro da Executiva Confederal da CIG por poñer unha ola no chan

Denuncia Renato Núñez

Renato Núñez, o membro da Executiva Confederal da CIG que, segundo advertira o sindicato, sofre acoso policial, foi denunciado por pousar no chan un ola de cociñar. “A ola que tiven que sacar do maleteiro para que mo rexistrasen”, sinala o propio afectado, que se enfronta a unha sanción económica de 200 euros.

Por tirar unha ola de cociñar no chan. Este foi o motivo que levou a Policía Nacional a denunciar Renato Núñez, membro da Executiva Confederal da CIG e activista dos dereitos e liberdades civís, ao Concello de Santiago de Compostela. O sindicalista terá que facer fronte a unha sanción económica de 200 euros.

 

Segundo a notificación da denuncia, á que tivo acceso Sermos Galiza, a multa débese a que o sindicalista “arroxou á vía unha ola de cociñar de dimensións considerábeis”. O propio afectado sinala que se trata da pota que tivo que sacar do maleteiro para que os axentes lle rexistrasen o vehículo.

 

O episodio tivo lugar hai perto de dous meses nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago, a onde o sindicalista acudira a se entrevistar cunha integrante da Executiva Comarcal do sindicato, que é delegada da CIG-Saúde. A propia central sindical denunciou no seu día que unha vez concluída a xuntanza e cando o sancionado se achegaba ao seu vehículo “unha patrulla da Policía Nacional que pasaba naquel momento pola zona detívose de súpeto e dirixiuse a el para lle comunicar que o ían propor para unha multa de tráfico”.

 

Malia careceren de competencias na materia, tal e como advertiu a CIG, os axentes insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, cunha actitude “soberbia e de prepotencia”. Segundo o sindicato, nos arredores do hospital había ducias de vehículos estacionados en dupla fila e mesmo sobre beirarrúas, mais os axentes só se dirixiron a Renato Núñez.

 

O propio afectado denunciara en declaracións a Sermos Galiza que os axentes actuaran con agresividade, golpeárano e guindáranlle o seu teléfono ao chan. Aliás, foi retido á beira do seu coche, que foi rexistrado. E non só. Os policías dedicáronse a ler documentación interna da CIG que se atopa no vehículo.

 

A CIG chegou a subliñar que o “abuso” sufrido por Renato Núñez “non é casual, senón que se trata dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa”. De feito, segundo o sindicalista, un dos axentes dirixiuse a el para lle dicir “Renato, no me montes numeritos que te conozco”.