Denunciadas máis de 200 persoas por non usar máscaras nun control nocturno en Sanxenxo e na Illa

Máscaras cirúrxicas (Imaxe: Nós Diario)

A Garda Civil cursou 218 denuncias administrativas a persoas que non utilizaban máscaras no marco dun control nocturno establecido en locais de lecer en Sanxenxo e na Illa de Arousa esta fin de semana.

Fontes da Benemérita precisaron que o despregamento buscaba concienciar á cidadanía da necesidade de cumprir a normativa de seguridade para previr contaxios por Covid-19.

En concreto, inspeccionáronse nove locais de Sanxenxo e catro situados na Illa e estabelecéronse distintos puntos de verificación de vehículos e persoas nas vías de acceso ás dúas localidades.

Desta forma, a Garda Civil denunciou a 181 persoas por non utilizar máscara en Sanxenxo, así como outras 37 na  Illa.

Tamén detectou 19 infraccións por consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, das que 13 localizáronse na Illa de Arousa e seis en Sanxenxo.

Así mesmo, en Sanxenxo, os axentes denunciaron sete locais de lecer por venda de alcol a menores, así como a 21 persoas por tenencia e consumo de drogas en lugares públicos.

Ademais, detiveron outras dúas persoas por delitos de atentado e resistencia a axentes da autoridade.

Adicionalmente, a Garda Civil cursou unha denuncia por exceso de aforo nun establecemento de lecer da Illa, así como por infrinxir o horario de peche.