Ferrol

Familiares do CAPD Souto de Leixa denuncian na Fiscalía a falta de recursos e presuntos casos de "malos tratos" e "discriminación"

CAD Souto de Leixa, en Ferrol. (Foto: Google)
"Un usuario ao chegar a casa verbaliza aos seus familiares que un día, para que se levantase de cama, beliscáronlle nas pernas, arrastrárono da cama e duchárono en auga fría. Tras o ocorrido, a familia ponse en contacto co centro e a súa resposta foi que seguiron o protocolo e que non sucedera [o relatado]. A partir deste acontecemento o usuario deixa de comentar sucesos", relatan, entre outras moitas cuestións, na súa denuncia, á que tivo acceso 'Nós Diario'.

O centro ocupacional para persoas con discapacidade (CAD) Souto de Leixa de Ferrol volve ficar no centro da polémica, logo de que esta mesma semana o PSOE ferrolán urxise "explicacións" sobre o que está a acontecer e lembrase que as primeiras queixas datan da época de José Manuel Rei, actual candidato do PP á Alcaldía, á fronte da Consellaría de Política Social, "sen que fixese nada ao respecto, e agora segue a mirar para outro lado". Tamén puxeron o foco recentemente neste centro outras formacións como Ferrol en Común ou o BNG, que demandou en febreiro pasado no Parlamento que a súa xestión tornase de novo pública.

E agora son as familias das persoas usuarias as que protagonizan as críticas, pois veñen de presentar unha denuncia diante da Fiscalía na que trasladan unha serie de feitos relacionados co funcionamento interno do centro, privatizado pola Xunta da Galiza en 2010 —hoxe xestionado polo xigante Clece malia que segue a ser competencia en última instancia da Administración pública galega—, que consideran especialmente graves. "O escrito, xa rexistrado, é unha demanda desesperada para que a xustiza dea amparo e protección aos dereitos dos nosos familiares e das demais persoas que alí residen, que debido á situación persoal e familiar carecen de quen mire por eles", sinalan. Mais á marxe disto destacan, porén, o "bo labor" que "moitos dos profesionais" realizan día a día no centro.

Na súa denuncia, á que tivo acceso Nós Diario, recollen até once puntos nos que explican a situación que padece actualmente o centro e inclúen varias cuestións que serían, ao seu xuízo, constitutivas de delito. Aluden, en primeiro lugar, a diferentes eivas estruturais das que veñen alertando desde o ano 2014 sen que hoxe se resolvese aínda "nada do reclamado". Falan da "falta de persoal cualificado", do "incumprimento" da ratio de profesionais por usuarios —en fins de semana e festivos, din, están "baixo mínimos", e actualmente faltan "o terapeuta e o fisioterapeuta"—, de problemas de accesibilidade no recinto, do "mal estado" das instalacións e da súa "falta de mantemento" —o que "provoca unha deterioración na saúde dos usuarios"—. Todo iso malia as "promesas da Xunta".

A transparencia de cara ás familias, afirman, brilla pola súa ausencia: "Desaparece o horario continuo de enfermaría [...] Sen aviso previo ás familias, decatándose o mesmo día que se deixa a medicación, cando o familiar comunica por escrito, con antelación, as entradas e saídas do seu familiar". A documentación que achegan con acuse de recibo, como entregas de medicación ou roupa das persoas usuarias, é asinada "sen identificarse" por parte do persoal da residencia, que nalgúns casos mesmo "se nega a asinala", din.

"A unha familia permítenlle entrar no centro para ver a habitación do seu familiar e a outras non. Mesmo a directora chamou á Policía"

Mais o acceso á información, segundo figura no escrito que dirixen á Fiscalía, difire en función de quen a solicite: "A unha familia permítenlle entrar no centro para ver a habitación do seu familiar e a outras non. Mesmo a directora chamou á Policía. A unhas familias infórmaselles de que a única vía de información é a través da traballadora social e a outras permíteselles o acceso directo aos diferentes profesionais. Hai un correo electrónico no cal o médico expón que non se utilice o seu correo para asuntos médicos".

A situación que relatan é tal que, aseguran, unha nai non soubo que o seu fillo —usuario do centro— tiña unha fenda na cabeza até que o recolleu. "Levárono a Urxencias, mais en ningún momento se puxeron en contacto coa familia para comunicarllo". E, como ese, expoñen dous casos máis nos que a residencia, sempre segundo a versión das familias, non informou das lesións das persoas usuarias.

No que atinxe ás actividades desenvoltas no recinto, afirman que estas, malia anuncialas con "trípticos que reparten" as persoas traballadoras, non se realizan. "Déronnos un programa para o verán e non o cumpriron [...] As actividades prometidas son unha montaxe e unha mentira, non se corresponden coa realidade que se vive no centro". A denuncia remitida á Fiscalía inclúe tamén presuntos casos de malos tratos: "Un usuario ao chegar a casa verbaliza aos seus familiares que un día, para que se levantase de cama, beliscáronlle nas pernas, arrastrárono da cama e duchárono en auga fría. Tras o ocorrido, a familia ponse en contacto co centro e a súa resposta foi que fixeron o protocolo a seguir e que non sucedeu [o relatado]. A partir deste acontecemento o usuario deixa de comentar sucesos. Aos usuarios non se lles escoita".

"Os usuarios, ao chegar na fin de semana á casa, vemos que veñen con fame. Algúns comentan que o seu compañeiro lle quita a comida, polo que supomos que non hai suficiente persoal para atender o comedor", engaden, facendo alusión a unha "falta de atención" que, en ocasións, deriva en "pelexas, agresións e conflitos". Por parte do persoal médico, falan de "desleixo" e enumeran diferentes cuestións como "entregar a medicación en bolsas ou pastilleiros sucios", "perder a medicación unha vez subministrada polos familiares", ou "tardar en subministrar a medicación pautada polo especialista externo".

"Durante o primeiro confinamento, un usuario sufriu hipoglucemias continuas, deixándoo en estado de desorientación, somnolencia e afectación á fala, sen decatarse diso ningún dos traballadores do centro"

"Durante o primeiro confinamento, un usuario sufriu hipoglucemias continuas, deixándoo en estado de desorientación, somnolencia e afectación á fala, sen decatarse diso ningún dos traballadores do centro. E cando os familiares os puxeron en aviso, dixeron que o usuario facía iso para chamar a atención", sinalan tamén no texto, no que tamén falan de supostos "abusos de poder" do persoal médico, "chegando a insultar e ameazar" unha usuaria con medo a contraer a Covid-19, a quen o profesional "apertou reiteradamente para amolala, sen respectar a distancia de seguridade", sempre segundo o recollido na denuncia.

Finalmente, lamentan que o centro abrise un perfil na rede social Twitter "sen informar ás familias", que recibiron unha comunicación por escrito, apuntan, "un ano despois". Nesa conta, lamentan, "vense fotos dos usuarios sen existir autorización asinada polos titores legais para consentir a difusión da súa imaxe".

Por todo isto, piden á Fiscalía que investigue os feitos e actúe contra o que consideran a posíbel comisión dunha serie de delitos "contra a vida, a integridade das persoas, lesións discriminación ou vulneración do dereito de igualdade".