Denuncia en Bruxelas contra a política de residuos da Xunta e Sogama

[Imaxe: SG]

​A Plataforma galega contra a incineración exixe no Parlamento europeo que a consellaría de Medio Ambiente sexa sancionada polo incumprimento reiterado da normativa europea, a estatal e a galega en materia de xestión de residuos. O PP vetou a semana pasada o debate parlamentar dunha ILP neste sentido


A Plataforma galega contra a incineración e pola reciclaxe vén de presentar en Bruxelas unha denuncia contra a Xunta de Galiza pola "nefasta" política de residuos que leva a cabo no País a través da empresa pública Sogama. 

Colectivos integrados na Plataforma, como Adega, Amigos da Terra ou a Federación ecoloxista galega, denuncian que se están a incumprir tres directivas europeas, a de vertido, a de envases e o Marco de residuos, e aseguran que, após o veto do PP no Parlamento galego á ILP que presentaron, non lles quedou máis remedio que procurar unha sanción para a consellaría do Medio Ambiente en Europa.

Así as cousas, a formación conservadora impediu hai unha semana que se debatese a iniciativa para a aplicación efectiva dos 3R argumentando que "non ten sentido aprobar unha lei para que se cumpra a lei", que era xustamente o resumo que desta ILP fixo Manuel Soto, o encargado de a defender desde a tribuna na Cámara. Por tanto, co apoio de Ana Miranda, eurodeputada do grupo Verdes-ALE, a Plataforma levará á Comisión de peticións do Parlamento europeo unha denuncia para que as autoridades comunitarias examinen a xestión de residuos da Galiza e a súa adecuación á normativa europea. 

A Comisión europea obrigou o Goberno italiano a mudar a política de residuos

Aliás, recalman unha revisión do Plan de Residuos de 2011 e que a Xunta sexa sancionada polo uso "fraudulento" de fondos europeos para a queima e o almacenamento de residuos. Neste sentido, Miranda apuntou que unha demanda destas características fixo que a Comisión europea obrigase o Goberno italiano a mudar o modelo de xestión de residuos de Catania, en Sicilia. 

Segundo os datos que manexan estas organizacións ecoloxistas, na Galiza está a se incumprir a normativa europea, a estatal e a galega en aspectos como que o 50% dos materiais se recuperen e se reciclen: só se recicla o 11%. As cifras de 2011 sinalan que o 46% do lixo se incinera sen valoración e que outro 43% vai parar a un vertedoiro. Así, en palabras de Ana Miranda, a Xunta está a aplicar "como norma o que debera ser a excepción". A denuncia chegará á Comisión a semana que vén.